A actriz e activista cultural Casilda García Alfaro acaba de recibir o máximo galardón do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) 2021, que organiza a entidade Telón e Aparte.
As persoas que recibiron esa distinción en anos anteriores decidiron concederlla a Casilda Alfaro pola súa calidade como intérprete, así como por ser promotora, no ámbito do teatro, de múltiples proxectos relevantes.
Casilda é a vicepresidenta da Asociación Cultural Entre Bambalinas, editora da erregueté | Revista Galega de Teatro. Participou na fundación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo (MITCF), na cal continúa dentro da equipa organizativa.
A súa traxectoria teatral comezou nos anos 80 dentro do grupo amador Matamoura na vila de Cangas. Despois foi unha das fundadoras de Teatro de Ningures, compañía coa que acadou notables éxitos, moitos deles baixo a dirección de Etelvino Vázquez (Teatro del Norte. Lugones, Asturies) e a dramaturxia de Xosé Manuel Pazos Varela.
Recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Protagonista, pola súa interpretación en A noite das Tríbades (1996), de Per Olov Enquist, dirixida por Xulio Lago na Cía. Teatro do Atlántico.
Entre os moitos proxectos nos que ten participado, cómpre resaltar Producións Teatrais do Sur, unha iniciativa que xuntaba tres compañías do sur de Galiza: Tanxarina, Teatro do Morcego e Teatro de Ningures. Con Ningures impulsou a primeira coprodución galego-portuguesa, co Centro Dramático de Viana (CDV): Terra de lobos (1996), dirixida por Miguel Martíns.
A súa versatilidade como actriz permitiulle interpretar múltiples personaxes nunhas corenta producións teatrais, tanto na compañía Teatro de Ningures (da cal forma parte do núcleo de organización, xunto a Salvador del Río, Pepa Barreiro e Sonia Rúa), como en Teatro do Atlántico (dirección Xulio Lago), Teatro do Morcego (dirección Celso Parada), Balea Branca (dirección Damián Contreras), Contraproducións (dirección Cándido Pazó) e o Centro Dramático Galego. Tamén no audiovisual, en series de ficción televisiva como Os viaxeiros da luz (1991), Pratos combinados (2001), María Soliña (2002), Gondar (2005) ou Libro de familia (2005-2012), e en filmes como Los lunes al sol (2001), De bares (2006), La Bella Otero (2007), O bonito crime do carabineiro (2008) ou La condesa rebelde (2010).
Ademais, Casilda Alfaro, exerce a docencia na Escola Municipal de Teatro de Cangas e na Aula de Teatro da Universidade de Vigo e ten desenvolvido múltiples iniciativas relacionadas coa promoción e difusión do teatro galego.
O FIOT de Carballo 2021 chega a súa 30 edición
O FIOT regresa ás táboas logo dun ano “en pausa”. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, retomará este outono a súa habitual programación de espectáculos e actividades na comarca bergantiñana para celebrar unha edición moi especial: a 30ª.
O certame nace en 1992, da man da Asociación Cultural Telón e Aparte, como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, e grazas ao apoio do Concello de Carballo, o Festival Internacional Outono de Teatro é un lugar de encontro entre artistas, compañías e programadores que aposta por estimular a creación e o traballo en rede, tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción de novos espectáculos en diferentes formatos, fundamentalmente de compañías galegas.