O Teatro Principal de Ourense acolle o venres 10 de setembro a estrea de A lúa vai encuberta, espectáculo gañador do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Tito Asorey dirixe esta proposta de teatro documental a partir da obra homónima de Manuel María que nace da colaboración entre as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. A estrea terá lugar o venres 10 ás 21:00, continuará con funcións o sábado 11 ás 21:00 e o domingo 12 ás 20:00, estando estas funcións patrocinadas pola Deputación de Ourense.
Esta será a primeira vez que este texto de Manuel María sexa levado á escena de xeito profesional e, afirman dende ambas compañías, que a voz do autor é actual e “ilumina o noso presente cunha clarividencia radical”.
A lúa vai encuberta é unha proposta teatral multidisciplinar na que a equipa dialoga coa actualidade máis recente, coa historia contemporánea de Galicia. Mesturando as formas de teatro popular como a farsa e o musical con formas contemporáneas como o audiovisual e o teatro documento, a peza propón unha posta en escena dinámica, que ten como motor a recuperación e a reactivación da memoria para tomar conciencia crítica da realidade. Partindo da mirada coa que Manuel María selecciona e ordena pasaxes da nosa historia para levar a nosa atención tanto sobre as forzas activas como as que foron ocultadas, a intención do proxecto é a de cuestionar o relato adquirido para, desde a experiencia vital, revisar os prexuízos, os tabús e os silencios que aínda prevalecen.
Tito Asorey dirixe esta co-produción que conta coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e con música orixinal de Davide González, integrantes tamén do elenco xunto coa actriz Melania Cruz. Completan a equipa artística nomes destacados da escena galega como son a iluminadora Laura Iturralde e o escenógrafo Carlos Alonso.
O espectáculo é unha co-produción das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante , a Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. De igual modo o proxecto, que visitará máis de 25 concellos galegos, conta co patrocinio das Deputacións de Ourense, A Coruña e Lugo.
O espectáculo xirará por toda Galicia durante os próximos meses, tendo máis de 30 funcións xa concertadas. As próximas paradas serán en Verín (25 de Setembro), Vilalba (2 de Outubro), Pontevedra (14 de Outubro), San Sadurniño (24 de Outubro), Santiago de Compostela (29, 30 e 31 de Outubro), Barbadás (6 de Novembro), Betanzos (20 de Novembro), Lugo (28 de Novembro), Carral (4 de Decembro) e Noia (18 de Decembro).
Unha unión moi frutífera
A Quinta do Cuadrante é un proxecto dos creadores escénicos Melania Cruz e Tito Asorey. Tras ser cofundadores da compañía ilMaquinario Teatro e participar ambos os dous en numerosos proxectos con colectivos de todo o país, deciden no ano 2019 crear unha nova plataforma dende a que seguir experimentando, explorando, traballando e ideando espectáculos. O seu último traballo foi O empapelado amarelo.
Incenciaria unha plataforma artística nacida en 2014 como laboratorio de creación e composta por Vanesa Sotelo e Davide González, que fundamenta o seu traballo na investigación e na creación escénica contemporánea. O seu último traballo foi Microspectivas dun marica millenial.