in ,

Sarabela convértese na gran triunfadora duns Premios María Casares moi distópicos

Premios María Casares 2021
Foto de Corsino

Os XXV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 13 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como son  Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis. En total, nunha noite moi repartida,  nove espectáculos gañaron algún premio. A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, acadou catro galardóns: espectáculo, dirección (Gonçalo Guerreiro), actor secundario (Fran Lareu) e adaptación-tradución (Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro). O premio ao mellor espectáculo infantil foi para Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández.

Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada, acaparou tres galardóns ao facerse cos premios de actriz protagonista (Marta Alonso Tejada), iluminación (Laura Iturralde) e dirección (Marta Alonso Tejada ex aequo con Gonçalo Guerreiro). A obra de Incendiaria, Microspectiva dun Marica Millennial, acadou dous premios: actor protagonista (Davide González)  e texto orixinal (Vanesa Sotelo e Davide González).

O mozo da última fila, de Redrum Teatro, fíxose co galardón de mellor actriz secundaria (Belén Constenla); 32m2, de Butacazero, levou o apartado de escenografía (Beatriz de Vega), e Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, fixo o propio no apartado de vestiario (Diego Valeiras).  O Premio, de La Quintana Teatro, obtivo o premio de maquillaxe (Fani Mosqueira)  e, por último, A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico, conquistou a categoría de música orixinal (Vadim Yukhnevich).

Os/as gañadores/ divididos por espectáculos

A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro (4 premios): espectáculo, dirección, actor secundario e adaptación-tradución.

Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada (3 Premios): actriz protagonista, dirección, iluminación.

Microspectivas dun marica millennial , de Incendiaria (2 premios): actor protagonista e texto orixinal

O mozo da última fila, de Redrum Teatro (1 Premio): actriz secundaria

32m2, de ButacaZero (1 premio): escenografía

A conquista da escola Madhubai, de Teatro do Atlántico (1 Premio): música orixinal

O Premio, de La Quintana Teatro (1 premio): maquillaxe

Dreaming Juliet, de Elefante Elegante (1 premio): vestiario

Os nenos da varíola, de Pére&Fernández (1 premio): espectáculo infantil

 

Gañadores/as por categoría:

MAQUILLAXE: Fani Mosqueira, por O Premio, de La Quintana Teatro

VESTIARIO: Diego Valeiras, por Dreaming Juliet, de Elefante Elegante

ILUMINACIÓN: Laura Iturralde, por Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada

ESCENOGRAFÍA: Beatriz de Vega, por 32m2 de ButacaZero


Publicidade

MÚSICA:  Vadim Yukhnevich por ‘A conquista da escola de Madhubai’, de Teatro do Atlántico

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Gonçalo Guerreiro e Fernando Dacosta por ‘A lingua das bolboretas’, de Sarabela Teatro

TEXTO ORIXINAL:  Vanesa Sotelo e Davide González por Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria

ACTOR PROTAGONISTA: Davide González por Microspectivas dun marica millenial de Incendiaria

ACTRIZ PROTAGONISTA:  Marta Alonso Tejada por Bailar Agora.

ACTRIZ SECUNDARIA:  Belén Constenla por O mozo da última fila, de Redrum Teatro

ACTOR SECUNDARIO: Fran Lareu por A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro

DIRECCIÓN: Gonçalo Guerreiro por A lingua das bolboretas, de Sarabela, e Marta Alonso Tejada, por Bailar Agora.

ESPECTÁCULO:  A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro.

ESPECTÁCULO INFANTIL: Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández.

 

A Gala

Chiqui Pereira e Paula Carballeira dirixiron unha gala que trasladou o público congregado no Rosalía Castro da Coruña a unha época distópica. Ao longo da cerimonia de entrega, protagonizada por Nuria Sanz, Casilda Alfaro, Alfredo Rodríguez, Alba Bermúdez, Suso Cortegoso e Nelu Vermouth, desenvolvéronse dous grandes fíos argumentais: o 25º aniversario dos Premios María Casares e a resistencia das artes escénicas fronte a pandemia.  A música correu a cargo de Nacho Sanz, mentres que a escenografía a deseñou Suso Montero, quen creou un espazo escénico polo que tamén transitaron dramaturgos como Carlos Santiago ou Clara Gayo, que ofreceron senllas colaboracións especiais. Na velada, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recolleu o Premio de Honra Marisa Soto, mentres que Evaristo Calvo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a gala, á que asistiron unhas 300 persoas, cumprindo coas restricións vixentes de capacidade do recinto e cumprindo coas normas de seguridade fronte a covid. Entre os convidados, estaban a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director da Axencia galega das Industrias Culturais, (Agadic), Jacobo Sutil; o concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús Celemín; o concelleiro do Partido Popular, Roberto Luis Coira Andrade; os concelleiros de Marea Atlántica, Iago Martínez e Silvia Caméan, ou o concelleiro do BNG, Francisco Jorquera.

A gala, que foi retransmitida por Youtube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Xosé Bareato, presidente da AAAG, quen iniciou a súa intervención lembrando que  neste 2021 os Premios María Casares alcanzan os 25 anos e a propia AAAG, 36. “Vivimos un momento marabilloso, no que convivimos a un tempo a xeración de actrices e actores que botou a andar o noso oficio como profesión e xeracións que que están xa traballando pero que non viviron aqueles tempos”, sinalou Barato antes de ter unha sentida lembranza para quen nos deixou este ano: Francisco Pillado, Xosé Manuel Pazos e Lino Braxe. “Lino, ademais, é un dos responsables de que estes premios existan e que teñan este nome: el foi quen falou con María Casares para que dese o seu consentimento”, lembrou o presidente da AAAG para logo sentenciar que as xeracións que abriron camiño tamén nos deixaron un legado en forma de dereitos laborais, institucións, sistema teatral, en  definitiva, un patrimonio que temos que protexer e mellorar”.

Barato insistiu en que “o teatro é a festa da presencialidade” antes de referirse ao golpe que significou paras as artes escénicas o estoupido do andazo global da covid-19. “Esta pandemia afectounos e tocounos na nosa esencia. Estamos intentando capear ondas e teremos que estar vixiantes e máis unidas ca nunca para cando as ondas se retiren, porque as ondas poden destruír incluso máis cando se retiran que cando entran”, reflexionou o presidente da asociación para, finalmente, concluír que nos “próximos anos teremos que estar atentas para que non se destrúa nada do que conseguimos xuntos.”

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

12 UVAS 2 MULLERES E 1 OLIVA 2 150x150 1 |

A Sala Ártika consolidase cunha ampla programación para o último semestre de 2021

'Ilomilo'. Cía. Tuatha

‘Ilomilo’ da coruñesa Tuatha seleccionado no festival Quinzena de Dança de Almada