O Festival Internacional de Teatro É-Aqui-in-Ócio inicia mañá unha nova edición, coincidindo co día en que se produce o equinoccio de outono. Este ano o programa centrarase no tema “O Ser Humano e os outros Seres, Humanos”, tendo en conta que detrás da xénese do festival se atopa unha gran preocupación pola inclusión, a accesibilidade e a sostibilidade, que no só se reflicte na súa programación, senón tamén nalgunhas das súas particularidades.
O festival, organizado pola asociación cultural Varazim Teatro, desenvolverase na vila portuguesa de Póvoa de Varzim dende mañá, día 22 de setembro, ata o sábado 2 de outubro, e polo Cine-Teatro Garrett pasarán oito espectáculos de artes escénicas, unha exposición de fotografía, unha sesión de cinema, dúas mesas de debate e unha exposición vídeo-documental. Entre as pezas que pasarán polo festival está Microspectivas dun marica millennial, da compañía galega Incendiaria, que vén de gañar dous premios María Casares, un ao mellor actor protagonista (para Davide González) e outro ao mellor texto orixinal (para Vanesa Sotelo e Davide González).