in

HUGO

Relacións simétricas, pero diversas

'HUGO' de Os Náufragos Teatro.

É evidente, é natural, que o ser humano, para selo, necesita relacionarse con outras persoas. A felicidade e, por tanto, a saúde dependen das nosas relacións e da calidade das mesmas. Isto é obvio. E non basta coas relacións máis básicas e imprescindibles, como poderían ser as que, desde que nacemos, temos cos nosos proxenitores. Unha persoa, para desenvolver todo o seu potencial humano, necesita ir colleitando todo ese repertorio de relacións, que nos fai medrar ao irnos confrontando aos diferentes contratos de compromiso que implican. Non é o mesmo o contrato de amizade ca o de parella (relación afectivo-sexual), no é o mesmo o contrato de colegas de traballo ca o de irmáns, etc.

Non obstante, hai persoas que, se cadra, non o teñen tan fácil coma outras para colleitar relacións. Ese é o caso de Hugo, o protagonista da obra homónima de Os Náufragos Teatro, escrita e dirixida por Gustavo del Río e interpretada por Jimmy Núñez e María Roja.

Hugo, interpretado por Núñez, é o personaxe dun cativo que ten un trastorno do espectro autista (TEA), mentres Laia, interpretada por Roja, a súa veciña, que quere ser a súa amiga, é “neurotípica”, segundo o propio Hugo lle di. Porque Hugo ten algunhas teimas que lle fan estudar e saber, de memoria, informacións e datos que outros nenos e nenas nin repararían. Hugo tamén sabe, por exemplo, todo sobre avións, porque lle encantan. As súas dúas afeccións principais parecen ser os avións, que debuxa e constrúe no xogo de Lego, e tocar o piano. Laia, pola súa banda, sempre anda a moverse, é extravertida, moi alegre e gústanlle as plantas e as flores.

Publicidade

María Roja constrúe unha cativa espelida e atrevida, que desfruta de mover o corpo, de correr, de estar sempre en movemento, de non ficar queda. Jimmy Núñez constrúe a Hugo con certos leitmotiv físico-xestuais que nos axudan a apreciar a súa diversidade. As mans, sobre todo unha delas, sempre ten os dedos, xuntos, a abrir e pechar de xeito compulsivo, sobre todo cando está nervioso ou excitado. Dun xeito parecido, os seus ollos móvense dun lado para o outro, de maneira inqueda, como se estivese a procurar algo que lle falta, desde unha mirada baixa. Ás veces fai xestos auto-adaptadores, tocando, por exemplo, coa xema dos dedos no queixo, cuns pequenos toques, como se estivese a chamar na porta do rostro. A súa psicomotricidade é máis acartonada, un pouco máis ríxida do que pode ser habitual nun cativo da súa idade. E cal podería ser a idade, tanto de Hugo como de Laia? Uns dez anos, quizais. Esa idade na que unha cativa xa coida as plantas e as transplanta de maceta cando o precisan. Esa idade na que xa son capaces de recoller datos e informacións, procesalos e aprendelos.

Hugo de Os Náufragos represéntase nun espazo deseñado por Alexandre Antunes Carvalho. Semella unha estilización abstracta, cun certo valor simbólico, respecto ao concepto casa, refuxio e incluso mente. Un cubo cunha especie de gasas ou tules brancos, que deixan ver, velado, o seu interior, é o habitáculo de Hugo. Alí ten o piano, ese é o seu cuarto, a súa casa, a súa mente.

Esta escenografía corpórea, practicable, completa a composición xeométrica do espazo combinándose cun chan cadrado verde, que imita a herba e cuxos lindes son próximos aos do cubo-casa. Deste xeito, ese espazo escenográfico é tamén un espazo lúdico ou de xogo acoutado, que pode lembrar, na súa xeometría e colorido, polo efecto da luz de Dani Pais, a unha especie de xoguete.

Vin a peza o domingo 11 de decembro no Auditorio Multiusos da Xunqueira, en Redondela, dentro do denominado “Ciclo de teatro infantil”, rodeado de cativas e cativos de arredor dos dez anos e fiquei admirado da súa recepción desta peza. Por que? Pois porque, aínda que ten momentos simpáticos e divertidos, nunca para rir a cachón, ten máis momentos dramáticos, nos que asistimos á dificultade das relacións. Incluso os momentos máis graciosos non están exentos dese puntiño de preocupación ou coidado, porque hai algunha restrición e non todo o monte é ourego. De todas formas, ningunha relación, ao fin e ao cabo, é coser e cantar. Porén, todo ese público tan novo, alí estaba, atento ao que acontecía no escenario.

Jimmy Núñez consegue a adhesión, a empatía cognitiva e afectiva, do público con Hugo. E isto faino grazas ao continuo fluído de matices antes sinalados. Ese continuo vén flexibilizado pola música de piano, de Daniel Valentín Miguélez, que vehicula unha soidade ansiosa, inqueda, xuvenil, presente. Tamén grazas á capacidade do actor para atinxir clímax sutís nos momentos críticos de enfado ou de contento, respecto ás propostas e accións da súa amiga Laia.

Pola súa banda, María Roja, fai unha curiosa mestura entre a teatralidade, polo comportamento expansivo e inquedo, por veces hiperactivo, e a ambigüidade que, seguramente, xa está así trazada no texto de Gustavo, porque Laia podería ser a veciña amiga, pero tamén podería ser a irmá ou incluso unha personaxe inventada pola imaxinación do propio Hugo. Esta indeterminación é coherente, asemade, co propio estilo do espazo escénico e da propia escenificación, que non se cinguen a un realismo literal ou de vontade fotográfica (ou cinematográfica). Hai un leve matiz ou unha leve fenda cara ao extraordinario e o fantástico das relacións, do drama, aínda que isto sexa unha comedia de final feliz. Así nos gustaría que fose tamén na realidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

HUGO de Os Náufragos Teatro

Autoría e dirección: Gustavo del Río

Axudantía de dirección: Sete Eiroa

Escenografía: Marimo Studio

Espazo escénico: Alexandre Antunes Carvalho

Iluminación: Dani Pais

Música: Daniel Valentín Miguélez

Elenco: Jimmy Núñez e María Roja

Auditorio Multiusos da Xunqueira, Redondela, 11 de decembro de 2022.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Onde pousa a humidade' de Marcia Vázquez

A danza chega ós bares de Vigo nunha edición especial do Teatro Gorrilla

Baobad Teatro Ás para Álex

Nadal no Gaiás programa obradoiros e teatro de monicreques para as familias