O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá da decisión do comité clínico de ampliar, en liñas xerais, os aforos do 75 ao 90% no locais de diferentes eidos sociais, agás no caso do lecer nocturno.
O anuncio prodúcese logo de que comunidade galega se situase, xunto con Asturias, nunha das comunidades autónomas cuxa incidencia acumulada xa se empraza nunha situación de risco epidemiolóxico controlado, ou tamén denominada fase de nova normalidade. Así, Galicia rexistra unha incidencia acumulada a 7 días de 8,6 casos por cada 100.000 habitantes, e de 22,9 casos, no seu cómputo a 14 días. Ademais, 249 dos 313 concellos galegos (80%), non notificaron novos casos covid nos últimos 7 días.
Ante a nova situación epidemiolóxica, o comité clínico decidiu avanzar nun novo sistema de vixilancia da pandemia, onde se retomará o modelo de retrorrastrexo de casos, se incidirá no control da trazabilidade dos gromos e na secuenciación de posibles variantes do virus, e se implementará un seguimento da efectividade vacinal.
Nesta mesma liña, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia acordou tamén ampliar os aforos en diversas actividades sociais, culturais e económicas.
Como regra xeral, e agás no caso do sector de lecer nocturno, os aforos actualmente situados no 75% veranse ampliados até o 90% de capacidade máxima. Este será o caso dos interiores dos comercios, academias, lugares de culto, instalacións deportivas e actividades culturais. Nestes ámbitos tamén se eliminará o número máximo de persoas que poden realizar actividades en grupo.
Os teatros amplían o aforo ata o 90%
No caso dos espectáculos musicais e artísticos con público sentado, tanto en recintos interiores como ao aire libre, poderán ampliar a capacidade de público do 75 ao 90% de aforo. No caso de desenvolverse estas actividades con público de pé, establécese un máximo do 50% para o interior, e amplíase do 33 ao 66% se teñen lugar ao aire libre . Neste último caso, e sempre e cando se cumpran os aforos, suprímese a limitación máxima de 5.000 persoas que estaba establecida até o de agora.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado 9 de outubro.
Os espazos poñen á venda máis entradas
O Auditorio de Vigo é un dos espazos que verán incrementado o número de asentos, como indicaron nas súas redes sociais. A partir do xoves 9 de outubro comezarán a desbloquear a venda de entradas, unha oportunidade para aqueles espectadores que non puideron mercalas no seu momento ao verse completado todo o aforo estipulado.
Previsiblemente será esta a estratexia doutros espazos como a Sala Ártika de Vigo que, durante máis dun ano, levan programando espectáculos con aforos reducidos e unha ampla demanda por parte do público.