Crítica

Festina Lente

Fotografía de Iria Casal

Onde estamos cando estamos xuntas?

É unha casualidade que nos atopemos, que aparezan ante nós ollos alleos en tempos de espellos negros que habitúan devolver a nosa propia mirada? Por que nos perdemos? E como nos atopamos? Que facemos se sucede esa milagre? Do 3 ó 5 de setembro o Colectivo VACAburra ofreceu na Sala Ártika de Vigo a resposta a estas cuestións nunha das seis pezas de danza coproducidas pola Xunta de Galicia e o Centro Coreográfico Galego. Con Festina Lente, Gena Baamonde e Andrea Quintana, segundo as súas propias palabras, ofrecen «unha reflexión sobre o momento presente».

Clara Ferrao Diz e Andrea Quintana entran en escena —por onde o fixera o público que entón as miraba—, xuntas, coma se bailasen un tango aínda que os movementos teñen como base a vibración nun corpo teso, avanzando polo espazo e facendo que se ilumine xunto a elas. Na música que as acompaña prima a percusión, pero haberá moitas variacións estilísticas. Con este comezo deixan clara a dinámica futura, onde primará a exploración e explotación de todas as variacións posibles dentro do xogo escénico.

A clave do espectáculo radica na conexión entre ambas, as súas miradas, e a dirección das súas accións —que se separan só para volver a atoparse—. Hai unha enerxía que lles atravesa o corpo, indo de arriba a abaixo, e xorde así unha pregunta: «Está a darse un diálogo entre elas e o entorno?». En case todo momento o ritmo marcado pola música é seguido polas bailarinas, este guía os seus movementos, e moitas veces elas buscan renegar deste feito, pero se ven arrastradas por el, hipnótico, a pesares de que deixan moi claro, sen palabras, que o que o seu corpo desexa é volver ó carón da outra, estar conectadas entre elas e non a unha entidade exterior que as aliena, que volve á súa música estrana e complexa en ocasións.

Máis aló de todas as interpretacións posibles, o bo traballo dramatúrxico de Festina Lente permite saber con certeza que hai un desexo: Sentirse no mesmo espazo e compartir vibras. En varias ocasións elas deixan de estar xuntas. Por exemplo, a mediados da peza a luz treme, unha se separa e a outra impídello, da man, e parece que ningunha sabe onde están, impedindo que a dinámica que construíran continúe, algo vai mal e se escoita un son branco estrano e un pouco incómodo. Logo todo volve a ser como antes, festivo, con movementos de cadeira marcados, certo descontrol, etc., pero, continuando co ciclo, se dá un novo impedimento, e robotízanse lixeiramente, segméntase o corpo aínda enérxico, e volven a darse de conta de que están separadas e deben procurarse e darse a man, o cal semella unha tarefa imposible. Por sorte, moitas veces puideron disfrutar a unha da outra, case de xeito ritual, mostrando un ensaio teórico-escénico sobre a experiencia de estar xunto a outres, experimentando pola quinosfera propia e allea.

Co avance do tempo as figuras danzantes van cambiando de roupa, tal e como se fai no espectáculo Shirtology (1997) de Jérome Bel, desprendéndose dunha camiseta para deixar ver a que estaba oculta por debaixo. Cada cambio afecta lixeramente á dinámica de cada sección, e a cada nova estética, semella, di algo sobre a tipoloxía de persoa que se intenta evocar, tal vez afirmando que este proceso que elas están a ter é un proceso que afecta a un amplo rango de persoas, incluíndo á xente do público, que é cara onde se orientan moitas veces durante a transición da vestimenta.

Andrea e Gena souberon construír dinámicas que aproveitasen tanto o espazo coma os propios corpos de Clara e Andrea —individual e conxuntamente— , exprimindo ó máximo cada concepto traballado. O espazo sonoro, a cargo de Andrea Quintana e Menina Arroutada e con arranxos de Les Silva, e a iluminación de Violeta Martínez Rivera, tiveron un tratamento moi acertado, xa que acompañaban á propia dramaturxia dos movementos, non había nada ó servizo de nada, senón que todo fluía en conxunto.

E é que nós, quen observa, poderiamos ser elas, que están expostas en escena. Nós tamén estamos expostes, aínda que doutro xeito. En realidade, vivimos o mesmo proceso ca elas nos nosos días, pero non podemos velo. Temos tantos estímulos que non podemos pararnos a pensar sobre como estes nos afectan. En Festina Lente vímolo.

Ficha artística

Festina Lente, Colectivo VACAburra

Coreografía: Andrea Quintana
Bailarinxs: Clara Ferrao Diz e Andrea Quintana
Dirección e dramaturxia: Gena Baamonde e Andrea Quintana
Iluminación: Violeta Martínez Rivera
Espazo sonoro: Andrea Quintana e Menina Arroutada
Arranxos sonoros: Les Silva
Fotografías: Iria Casal
Imaxe gráfica: Paulina Funes
Vestiario: Gena Baamonde
Produción executiva: Atenea Fernández

Sala Ártika, Vigo. Setembro de 2021.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos