Drag
Fotografía de Marinita y sus Maromas
in

Introdución do ‘drag’ na Galiza

Comezo cunha pregunta. Nas últimas pezas que viches, se é que vas ao teatro (aínda que tamén serven outros espazos onde teñan cabida as artes escénicas), cantos personaxes fóra da normatividade branca-cisxénero-heterosexual-etc. había?

En xeral, semella que elus, quenes se relacionan directamente co diverso, co cuir (queer), fican recluídes dentro das súas propias barriadas, onde hai seguridade, onde non se rexeita, onde non se lles capitaliza, onde non se lles ve tanto como podería. O drag en Galiza é un dos poucos ámbitos —por non dicir o único— onde os moldes fican completamente rachados.

A modo de introdución, unha explicación. A nivel teórico, o drag é unha forma, destacablemente estética, de entretemento no que persoas de calquera xénero visten con vestiarios moi estilizados mentres actúan, bailan e cantan (coas súas voces ou facendo playback). Tamén hai variacións menos habituais que inclúen a pantomima, por exemplo. Porén, coma con calquera outro termo, cada persoa podería facer unha definición diferente. É a representación ante o mundo de factores ocultos nunha persoa, moitas veces esaxerados a favor do dramatismo; é a poetización en estado líquido do xénero mostrado a través de diferentes facetas artísticas; é a visibilizacón dunha rutura co xénero que nace dunha necesidade interna de quen o realiza e que ten como propósito crear unha figura para que un público admire.

A modo de desenvolvemento, un pouco máis de explicación. O termo nomeouse (que se saiba) por primeira vez no século XIX en relación ó teatro británico, facendo referencia ó vestiario «feminino» que levaban os actores, isto é, longas saias e vestidos («drag» é a palabra en inglés para «arrastrar»), e é que dende o século XVI en países como Inglaterra e China as mulleres non podían participar nas obras teatrais, e eran os homes quen levaban a cabo os papeis de «muller». Da segunda metade do século XIX en adiante o drag apreciouse en diversas formas de teatro de variedades a través de sketches e obras dun só acto onde homes ían disfrazados de personaxes femininos; do mesmo xeito, tamén houbo mulleres que acolleron personaxes masculinos, como por exemplo a estadounidense Annie Hindle (1847-1904). Pretendíase facer unha sátira da sociedade aristocrática, a política, a etiqueta, os convencionalismos e os roles de xénero. Tempo despois, en 1933 aprobouse o Hollywood Motion Picture Production Code, un código que tiña como finalidade eliminar a perversión das grandes pantallas. Mais o drag non morreu entón senón que sobreviviu sen estar presente en espectáculos de carácter público, fluíndo por entre os cabarés de estilo norteamericano ate os anos 50 e 60, época na que o concepto de drag queen comezaba a afianzarse e condenarse ao mesmo tempo pola súa relación ós «bares gai» —un pouco como hoxe en día—.

Annie Hindle |
Annie Hindle

Agora unha aclaración. Como parte da súa actuación, es artistas de drag (tanto drag queens coma drag kings) acollen para si mesmes a un personaxe independente a elus e á súa personalidade e vivencias —normalmente—, o cal, en consecuencia, ten un aspecto diferente, un nome diferente, e ata pronomes de xénero diferentes, e isto non significa que es performers sexan xente trans; citando ao National Center for Transgender Equality, «do mesmo xeito que es intérpretes de teatro non seguen a ser chamades polos nomes dos seus personaxes despois de saír do escenario, es artistas drag non necesariamente manteñen os nomes ou pronomes que usan mentres actúan […] facer drag non é a esencia integral da identidade des performers […] a gran maioría da poboación non fai drag, e a maioría das persoas transxénero tampouco son artistas».


Publicidade

En Galiza hai un movemento drag moi asentado, aínda que non excesivamente visibilizado, que está formado tanto por compañías como artistas independentes. Entre as que eu podo destacar está a compañía viguesa Marinita y sus Maromas, o comité de eventos pontevedrés MarikasXLaFiesta, a tamén artista viguesa Endis Neer ou a coruñesa Corea Cruise, entre outres. A comunidade de artistas da que dispoñemos eiquí é especialmente sa, porque fóra dela existe un canon do drag e as súas atmosferas lindeiras que beben das dinámicas máis tóxicas de programas como RuPaul Drag Race, e este non é o caso no noso territorio. Por outra banda, a pesares de que a meirande parte de artistas son homes cisxénero, en Galiza hai un espazo moi grande que as mulleres e as persoas non binarias colleron para si mesmes, e este é o seu punto de partida para desenvolverse no mundo do drag. Por exemplo, nunha conversa que tiven hai un ano con Leonor Sangrabriel, a actriz faloume sobre un dos personaxes recorrentes que desenvolve nos espectáculos da compañía Marinita y sus Maromas: Leo Fever, unha muller cisxénero moi presumida, pero que lle gusta vestir con roupa asignada ós mozos. Sangabriel preguntouse daquela se o personaxe sería menos muller por levar barba, prendas «masculinas», etc. E, de feito, para Leo Fever cada espectáculo é unha viaxe que remata cunha perda de identidade de xénero binario, cunha deconstrución, con preguntas e cuestionamentos sobre o común.

Retrato des integrantes de Marinita y sus maromas Miguel Vidal |
Retrato des integrantes de Marinita y sus Maromas. Fotografía de Miguel Vidal.

Na mesma liña do anterior, cómpre destacar que non só existen as drag queens, senón que hai máis modalidades —genderfuck/androxinia, fish, gótico, camp, tranimal/surrealismo, faux…—. O drag king, onde se xoga coa idea do «masculino» tamén ten unha presenza considerable en Galiza, así como no resto do Estado español. Esta categoría de drag funciona de xeito similar ó modo das drag queens, pero o seu obxectivo é diferente, xa que se crea dende o non-privilexio que teñen os homes cisxénero con respecto ó resto de diversidades; a pesares de que o cisheteropatriarcado repercute nas vidas de todas as persoas do planeta Terra, non ten o mesmo impacto e tratamento a caricaturización e/ou mostra da figura da muller coma a da figura do home. Por ter menos visibilidade, a clasificación de tipoloxías de drag king é moi complicada de elaborar –a causa da falta de información–, pero o actor Nicolás Otero (ou Nico Elsker) aprecia dous tipos de drag king na península Ibérica: os desenvoltos por xente cis (principalmente mulleres, aínda que tamén homes) e os desenvoltos por xente trans. A diferenciación tería como base o tratamento dos personaxes, pois moitas das persoas cis adícanse a criticar masculinidades tóxicas, mais es trans e non-binaries que desenvolven este tipo de personaxes adoitan (como é no caso de Nicolás) investigar que tipo de masculinidade queren construír para si.

O drag na Galiza contemporánea non é unha semente porque xa brotaron follas pequenas á disposición de todes nós. O interesante do drag, así como do transformismo en xeral, é que nel interveñen a deconstrución e a reconcepción, neste caso dun rol (feminino, masculino ou neutro) asociado ae propie intérprete/performer —maquillaxe facial e corporal, perruquería, moda, etc.—, e tamén ao espazo no que desenvolve a súa arte —cafés, teatros, prazas, etc.—. Si, é unha sementiña que, baseada fortemente na experiencia estadounidense, no contexto galego ten unha reivindicación moi grande cara a todos os públicos, e o máis importante é que é habitual a fusión entre a cultura galega e os estereotipos das drag queens, como acontece de xeito extremadamente explícito no caso da autodenominada «drag pandereteira», Meiga-I (colaboradora de MarikasXLaFiesta).

A creación de referentes queer é de vital importancia, non só para crianzas, senón para calquera persoa, estea dentro ou fóra dun armario, se é que algunha vez estivo nun. O drag é un xeito explícito de diversidade, e a escena galega, dende a menos até a máis comercial, creo, necesita máis diso, isto é, máis representación de figuras non normativas.

Bañera

Bañera

Iria Aboal (Pontevedra, 2000 - pronome «ela») Estudante de dramaturxia e dirección escénica na ESAD de Galicia e colaboradora con asociacións LGBTQ+ como Avante LGBT+ e Nós Mesmas. Membro do Comité de Mediación y Diversidad na Asociación de Roller Derby Española (ARDE).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teatro do Porvir

O IV Festival ‘Pezas dun Teatro do Porvir’ recibe propostas ata o 1 de novembro

Memoria

ESAD de Galicia e Deputación de Pontevedra convocan a segunda edición do certame ‘Microteatro da Memoria’