in

Greenpiss

Greenpiss
Fotografía de Julio Moya

A técnica da comedia

Que ben volver aos teatros cheos! Logo de tantísimo tempo onde o sector cultural foi castigado con medidas de restrición extremas, é unha ledicia poder compartir de novo a calor e o aplauso coa xente que gustamos do traballo na escena.

Coincide esta maior capacidade no aforo coa chegada a Vigo da compañía Yllana, de moita popularidade, e que polo tanto agradeceu poder compartir o seu traballo cun maior número de público. En resposta, xs asistentes á peza recompensáronos cunha das máis longas ovacións ás que teño asistido neste auditorio. Refírome ao Auditorio do Concello de Vigo, que coa súa iniciativa de programación escénica, Vigocultura, trae unha gran variedade de espectáculos á cidade entre os meses de setembro e decembro, rematando así a tempada escénica deste ano 2021.

Yllana é unha compañía ben coñecida xa, que traballa un teatro en clave cómica, herdeiros dos grandes grupos de clown españois como poden ser Tricicle. Así, as súas propostas son doadamente asimilábeis polo gran público, cunha linguaxe accesíbel e onde o traballo físico do elenco está a un altísimo nivel. Como todos os grandes cómicos, son expertos en recoller os grandes eventos e símbolos do noso tempo e traducilos á súa linguaxe cómica particular.

Así acontece en Greenpiss, espectáculo onde a compañía explora o movemento social do ecoloxismo dende a súa perspectiva irónica e farsesca, que nos axuda a quitarlle peso e mirar dende unha nova perspectiva temas que se cadra poden facerse moi grandes.

O espectáculo componse dunha sucesión de sketches onde aparecen as escenas míticas do ecoloxismo moderno: a empresa que contamina o entorno natural, o exceso de plástico nos mares, a tala indiscriminada e deshumanizada, o maltrato aos animais, a dificultade de ser verdadeiramente ecoloxista nestes tempos… Todos eles, propostos cun referente humano que os fai próximos, no que todxs nos podemos recoñecer, xa que interpelan ás emocións básicas.

Todo iso a un ritmo trepidante, xa que a velocidade é característica da comedia, e ligado cunha gran profesionalidade, onde o elenco pode mesmo improvisar e xogar co público. De feito, un dos grandes momentos da peza acontece cando se convida a unha persoa do público a subir á escena e participar nunha das súas bromas. Tamén, o xogo do reciclado envolve ax espectador/x, que participa indicando onde mellor reciclar cada elemento do lixo, chegando ás mesmas contradicións que chegamos todxs nas nosas casas cando o que queres tirar é confuso de máis para saber de que está feito, onde reciclalo.


Publicidade

A gargallada está asegurada pois a compañía manexa a súa técnica con gran soltura e sofisticación: a linguaxe é sinxela, a penas unhas poucas palabras e sons ben expresivos que, acompañados do xesto, non deixan lugar  a dúbida do que se está a dicir.

O xogo co público, como comentei, é evidente e fainos cómplices do gag: miradas e interpelacións constantes, conversas, chiscos que aproveitan a nosa predisposición para facernos parte da trama e retroalimentarse así da nosa enerxía. Un momento claro neste senso é a aparición do “amante” na ventá do edificio, co problema de estar espido en tempos de COVID.

Tamén o uso de referentes recoñecíbeis polo gran público é un recurso utilizado con gran acerto: o empresario caníbal inspirado en Donald Trump (movementos vergoñentos incluídos) ou a aparición dunha rapaza chamada “Greta”, inspirada claramente na activista sueca Greta Thunberg, que pon en xogo o difícil que é manterse fiel aos ideais propios, cando o que está en xogo é o desexo. Mesmo hai tempo para criticar a un sistema xurídico corrupto e que favorece ás grandes empresas antes que ao individuo (mesmo que este individuo estea a mexar xa un pis de cor verde).

Se o elenco destaca pola súa eficacia, tamén o acompañamento escénico de son, iluminación e escenografía participan no éxito da proposta: un gran panorama que actúa como superficie reflectora e unha serie de elementos materiais básicos, que axudan a configurar o estereotipo de cada personaxe (o ecoloxista inflexíbel, o “fumeta”, os leñadores “machos” co seu duelo de motoserras…). Ao tempo, os efectos sonoros acompañan de xeito perfectamente medido aos sucesos na escena, ampliando así a percepción no público.

Yllana, en fin, unha mostra de profesionalidade e oficio, de limpeza na execución, que nunca defrauda.

Greenpiss, Yllana

Idea orixinal, creación e dirección: Yllana
Intérpretes: Fidel Fernández, Luis Cao, Juanfran Dorado, Jony Elías
Deseño de escenografía: Carlos Brayda
Deseño de vestiario: Tatiana de Sarabia
Deseño de son: Luis López de Segovia (Oelstudios)
Deseño de iluminación: Fernando Rodríguez Berzosa
Fotografía: Julio Moya
Deseño gráfico: Daniel Vilaplana
Música orixinal: Marc Álvarez
Coreografía: Elena Mora “Nani”
Directora de produción: Mabel Caínzos

Autidorio do Concello de Vigo. 9 de outubro de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto de Pablo Carrera

Unha imaxe a pé de páxina

Janet Novás. 'Who Will Save Me Today?'

Janet Novás gaña o premio El Ojo Crítico de RNE na categoría de danza