As tres compañías finalistas na categoría de teatro desta edición están formadas por tituladas da ESAD de Galicia.
A compañía de teatro físico Mevadeus resultou gañadora do primeiro premio do certame Xuventude Crea 2021, na modalidade de teatro, coa peza Agro 5G. Nesta mesma categoría, os grupos As Catro, coa peza Que rima con Chomsky?, e Xebra, con Irremediablemente soa, acadaron o segundo e terceiro premio, respectivamente.
É salientable que os tres grupos finalistas desta edición do Xuventude Crea están formados por tituladas e titulados da ESAD de Galicia, e os espectáculos presentados no certame xurdiron dos seus respectivos Traballos de Fin de Estudos. Non é a primeira vez que unha compañía formada por exalumnas da Escola de Arte Dramática presenta os seus traballos no Xuventude Crea, abríndolles, en moitas ocasións, as portas da profesionalización no sistema teatral galego. Son os casos de Pálido Domingo, A Panadaría ou Señora Supina.
Estes premios, organizados por Xuventude Galicia, teñen a intención de favorecer o traballo creativo da xuventude galega, fomentando esta actividade, así como a promoción e difusión da súa obra. Entre as catorce modalidades presentadas, ademais do teatro, están as artes plásticas, a danza moderna, a creación de videoxogos, a moda, o graffiti, a música, a poesía, a fotografía ou a novela curta.