in

O Teatro Municipal Sá de Miranda acolle a quinta edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo

Diário de uma República
Foto: Nelson d'Aires

O Teatro Municipal Sá de Miranda vai acoller a quinta edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo, que se desenvolverá do 10 a 20 de novembro. A compañía Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana abre de novo este ano o festival a compañías internacionais e estende a duración do evento, para acoller un total de 19 representacións e varias actividades paralelas.

A apertura do festival está a cargo do Centro Dramático Galego, que presentará O charco de Ulises, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, dentro da xira que esta a levar a peza a unha vintena de concellos galegos e portugueses. Será o día 10 de novembro, ás 21.00 horas, na Sala Principal do Teatro Municipal Sá de Miranda.

Este ano, o festival conta tamén con varias coproducións do Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, como o Diário de Uma República I, do colectivo Amarelo Silvestre, o día 11, ás 19.00 horas, na Sala Experimental; Nunca Mais Um Outro Agora, en coprodución con Bruna Carvalho, tamén o día 11, ás 21.00 horas, na Sala Principal e o día 18 de novembro, ás 21.00 horas, o Monólogo de Uma Mulher Chamada Maria com a Sua Patroa, de Cassandra, con creación, texto e interpretación de Sara Barros Leitão, tamén na Sala Principal.

Esta quinta edición conta ademais coa presenza do Teatro Estúdio Fontenova, da ACTA – A Companhia de Teatro do Algarve, do Teatro Nacional D. Maria II, do Teatro das Beiras, de Loup Solitaire, dos creadores Mafalda Banquart e Tiago Jácome e do Grupo de Teatro do Centro Cultural Português do Mindelo, Cabo Verde, alén do brasileiro Vinicius Piedade co monólogo Cárcere, todos con funcións na Sala Principal.

A Sala Experimental do Teatro Municipal Sá de Miranda vai ser tamén o escenario para espectáculos das compañías Cegada Grupo de Teatro, dos grupos Jean Philippe Kikolas e Karlik Danza Teatro de España, do Momento – Artistas Independentes, da Companhia de Teatro de Almada, da Companhia Certa do Varazim Teatro e da compañía anfitrioa, o Teatro do Noroeste – CDV, coa presentación de Noites de Caxias, de Ricardo Simões. O festival conta tamén con seminarios de Guillermo Heras e Alexandra Moreira da Silva e presentacións dos libros da colección Peças do Noroeste, Palhaço Verde e Noites de Caxias.


Publicidade

Alén da variedade de espectáculos, o Festival de Teatro de Viana do Castelo ten unha oferta de actividades de mediación que prevé a inclusión de todos os públicos. Antes de todos os espectáculos desenvólvese o Ver com As Mãos, o recoñecemento sensorial da área de representación cos espectadores e espectadoras cegos e amblíopes. Ademais, en todas as sesións hai GESTU – Tradução em Simultâneo para Língua Gestual Portuguesa e ao final de cada espetáculo o habitual Digestivo – Conversa Pós Espetáculo entre os creadores e creadoras e o público.

Este ano tamén ten como novidade a inclusión da audiodescrición, cun narrador que relata o que está a acontecer no escenario. Esta nova iniciativa será realizada durante o espectáculo Monólogo de uma mulher chamada Maria com a sua patroa, de Cassandra, o día 18 de novembro, ás 21.00 horas, na Sala Principal.

 

Programación completa

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O charco de Ulises CDG

‘O charco de Ulises’ inicia unha xira por vinte concellos de Galicia e Portugal

Ana Vallés de Matarile

Matarile volve ao gran formato con INLOCA en coprodución co CDN