A vida dentro dunha caixa
Dentro do programa que Vigocultura organiza no Auditorio do Concello de Vigo caben espectáculos de todo tipo: comedias, dramas, teatro contemporáneo, novo circo, danza, maxia, monicreques e mesmo teatro de rúa, que habitan o escenario da Praza do Rei e as rúas de Vigo durante os meses que dura a tempada, ata pechar esta antes do Nadal.
Dentro desta serie de propostas, as dedicadas ao teatro familiar conforman un núcleo con entidade propia, con gran éxito de público, en parte grazas ao seu programa de dobre función, podendo ser vistas tanto ás 12:30 como ás 18:00 horas, no mesmo día (que adoita ser os domingos).
Así, tivemos ocasión de visitar O xardín de Vila Gris, de Manuel Pombal; o Quixote de Pedras de Cartón; La granja de El Teloncillo Teatro; Soy una nuez de Zum-Zum Teatre; a Laika de Xirriquiteula Teatre; o Cubo de Elefante Elegante e os monicreques de Anita Maravillas & Portal 71, Las Cotton, que pecharán esta edición o vindeiro domingo 28.
O teatro familiar, pensado especialmente para o público infantil, ten unha feitura específica precisamente pola atención que se lle ten que prestar ao seu auditorio. Conformado por crianzas que responden tanto aos estímulos do ambiente como ás súas mesmas necesidades, precisan moverse, comentar, rirse ou ter a atención dxs proxenitorxs ou acompañantes que teñen ao seu carón e, polo tanto, non se lles pode pedir ficar quietas atendendo a un escenario onde acontecen marabillas.
Con isto quero dicir que non calquera peza é capaz de atraer a atención dun público tan esixente durante un tempo acoutado e nun espazo limitado como é o auditorio dun teatro. O feito de que un mar de crianzas estean na súa meirande parte absortxs e atentxs ao espectáculo que se lles amosa, fala xa da calidade mesma da proposta.
Isto aconteceu, sen dúbida, co Cubo de Elefante Elegante. Cunha posta en escena sinxela e moi versátil, conseguiron coller a atención do público de comezo a fin. No escenario, un cubo de madeira do que saen unha parella de seres que o habitan, conformando ese cubo o seu fogar e espazo de seguranza.
A aventura comeza cando ela quere abrir o cubo e el, deixalo pechado. Este conflito desenvólvese a través dunha serie de composicións xeométricas que fan danzar ese cubo, abríndoo e pechándoo á vontade dos seus habitantes, mentres estes presentan unha coreografía de acrobacias, amosando a versatilidade do elemento escenográfico.
Mais, unha vez que conseguen chegar a un acordo, e que o cubo fica aberto, ela prosigue o seu afán de aventura querendo marchar e coñecer o mundo, mentres que el quere ficar no seu espazo coñecido.
Atendemos así ao conflito da consabida “zona de confort”, entre x que quere abrirse, saír e arriscarse, coñecer mundo e vivir aventuras, encarar o descoñecido… e x que prefire quedar no xa coñecido, dentro dos límites do habitual e menos arriscado, asumindo tamén a posibilidade de vivir menos cousas novas, a prol da súa sensación de seguranza.
O novo conflito resólvese de xeito amable, ensinando unha lección que vai máis alá da propia trama: non tódalas despedidas son necesariamente amargas. Podémonos despedir e seguir co noso vínculo de afecto, quedar sóxs e estar ben, deixar que x outrx marche en calma, sen pelexar.
Gonçalo Guerreiro e María Torres encárganse da creación, dirección e interpretación desta peza, amosando de novo a súa pericia na modalidade de teatro físico e compoñendo á vez unha peza poética e onírica, cunha linguaxe visual moi achegada ao público infantil pero que tamén pode ser seguida polo adulto.
Non é a primeira vez que Elefante Elegante fai unha proposta de teatro familiar, xa que, ademais de Cubo, teñen no seu repertorio a recente Patapatúm, Danza da choiva ou Tristán cara de can, pezas nas que veñen desenvolvendo o seu xeito de achegarse ao público máis cativo, explorando nelas a técnica do clown, a acrobacia ou mesmo o teatro de máscaras.
A peza está ademais envolta coa iluminación de Nacho Martín, que fai aparecer tanto o día como a noite ou aviva os espazos interiores dese cubo tan versátil; así como das composicións musicais de Manuel Fonte e Miguel Paz, quen xa colaboraron con Elefante Elegante noutras pezas, como a premiada Dreaming Juliet.