in

A Real Filharmonía de Galicia estrea a ópera ‘A sombra de Cristal’, de Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval

A sombra de Cristal
Imaxe da presentación da ópera

A ópera cómica A sombra de Cristal, de Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, estréase hoxe, cunha función para as persoas abonadas, coa posibilidade de ser seguida tamén en streaming a través da canle de Youtube da Real Filharmonía de Galicia, e con outra, mañá, para o público xeral, as dúas ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Este encargo conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago está dirixido polo director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, e conta coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira, que fai de personaxe muda. O concerto, que inclúe ademais La serva padrona de Pergolesi, foi realizado en coprodución entre a RFG, Amigos da Ópera de Santiago e o Centro Dramático Galego; co apoio do Xacobeo 2021-2022.

Desde a Asociación de Amigos da Ópera xurdiu a idea de realizar unha “versión” contemporánea e ambientada en Galicia da icónica ópera cómica La serva padrona de Pergolesi. A proposta foi acollida con entusiasmo pola Real Filharmonía de Galicia e o seu director titular, Paul Daniel, e así comezou  a historia do proxecto.

Publicidade

Conversa con Fernando Buide e Quico Cadaval

Antes das funcións, o público poderá manter unha charla co compositor Fernando Buide e co responsable do texto e director de escena d’ A sombra de Cristal, Quico Cadaval. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CUBO Elefante Elegante 10 Vanessa Rabade |

Cubo

'VÉRTIGO' de Pista Catro. Foto Rosinha do Roxo, MIT Ribadavia.

Preséntase en Compostela unha guía de boas prácticas en xénero á hora de programar un festival