Sophie non é o meu nome de guerra, a obra coa que Roberto Pascual gañou o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña en 2021, será presentada mañá, xoves día 10 de febreiro, na cidade da Coruña. A cita terá lugar ás 19 horas na Casa Museo de Quiroga Casares, nun acto aberto ao público con acceso libre ata completar a cabida.
Na presentación participará o propio autor, Roberto Pascual, que estará acompañado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e polas actrices Sheyla Fariña e Laura Míguez, que realizarán unha lectura dramatizada de fragmentos da obra.
Sophie non é o meu nome de guerra fora escollida por unanimidade como gañadora do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais por un xurado composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, pola actriz Iria Pinheiro, pola a actriz e creadora escénica Marta Pérez e polo autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes.
A obra, escrita para ser interpretada por dúas actrices, aborda a historia dunha muller migrante, a riqueza das culturas populares de África e o tráfico de persoas. Segundo recollera o xurado no seu informe, “trátase dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina” e “aborda un tema insólito no teatro galego xa que que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller”. O fallo do premio valorara tamén que a historia “está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa”.
O autor, Roberto Pascual Rodríguez, que é membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é profesor na ESAD de Galicia e dirixe a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. É licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática pola USC, formou parte da Aula de Teatro da USC e traballou no Instituto Cervantes, na Universidad Complutense de Madrid. Ademais, ten impartido cursos e obradoiros en diferentes entidades, ten publicado ensaios sobre artes escénicas en diferentes publicacións, e é membro do Consejo Artístico e do Consejo Estatal das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e da comisión redactora do informe “As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas” do Consello da Cultura Galega.