in , ,

Aberta a convocatoria da sexta edición das Residencias Paraíso

HelenaSalgueiro e Verónica Moar. Artistas Residentes 2021. Centro Torrente Ballester.
HelenaSalgueiro e Verónica Moar. Artistas Residentes 2021. Centro Torrente Ballester.

A convocatoria das Residencias Paraíso 2022 está aberta ata o 28 de febreiro, para artistas de Galicia, do resto da Península e de Portugal

O Colectivo RPM vén de anunciar a apertura dunha nova convocatoria anual de Residencias Paraíso, o programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas, que este ano acollerá un máximo de 8 proxectos cun importe total de 20.000 euros.

A edición do programa 2022 diríxese a artistas de Galicia e do resto da Península Ibérica, incluíndo Portugal, que presenten un proxecto no campo da danza e as artes vivas. Cada residencia contará cunha dotación económica e terá unha duración de 2 a 3 semanas nun dos espazos colaboradores, que pola diferente tipoloxía que presentan (teatros, centros culturais e outros espazos non convencionais) poden atender ás diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico ou a creación coreográfica, ata residencias de carácter técnico. A convocatoria está aberta desde o 7 ata o 28 de febreiro e a selección final farase pública a finais do mes de marzo na web do Colectivo RPM. Para a selección dos proxectos, valorarase a integridade e innovación artística da proposta, o grao de madurez e solidez do proxecto, a relación entre o proxecto e o territorio, así como as prácticas de programación expandida que poidan arroupar a estancia durante a residencia. Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e as persoas do Colectivo RPM.


Publicidade

Os espazos de acollida desta edición son: o Teatro Rosalía Castro e o Centro Coreográfico Galego na Coruña, o Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Igrexa da Madalena na MIT Ribadavia, o Centro Torrente Ballester en Ferrol, e o Salón Teatro e Cidade da Cultura en Santiago.

O programa Residencias Paraíso está impulsado polo Colectivo RPM, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Concello de Santiago, Concello da Coruña, Concello de Lugo, Concello de Ferrol, Concello de de Carballo, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Roberto Pascual Premio Rafael Dieste

A Casa Museo de Quiroga Casares acolle a presentación de ‘Sophie non é o meu nome de guerra’

Ibuprofeno Teatro

Ibuprofeno Teatro estrea ‘Smoke on the Water’