in

A Xunta abre as Residencias Artísticas do Gaiás, REGA 22

Presentación do programa REGA 22. Foto Comunicación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Presentación programa Residencias artísticas Óscar Corral 02/03/22

A Xunta deu a coñecer o programa de Residencias Artísticas do Gaiás deste ano (REGA 22) que se desenvolverá na Cidade da Cultura co obxectivo de apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea, tanto galega como internacional.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliñou o carácter diverso e inclusivo do programa REGA 22, que este ano estende o seu rango de actuacións coa incorporación da creación dixital e os videoxogos e cunha nova convocatoria de bolsas para artistas residentes para o segundo semestre do ano. 

A presentación do programa esta mañá contou tamén coa presenza da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e de representantes das asociacións e institucións que colaboran nesta edición: o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM, a asociación cultural AÏS e o Festival RESIS de Música Contemporánea, a Universidade de Vigo e o escritor e Javier Peña, director da Residencia Literaria. Tamén estiveron no acto o vicerreitor do Campus de Pontevedra e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura.

Anxo Lorenzo anunciou o próximo lanzamento dunha nova convocatoria de residencias artísticas, a través da cal serán seleccionados ata catro proxectos que se sumarán, na segunda metade do ano, a aqueles que están xa a dar os seus primeiros pasos na Cidade da Cultura.

En marzo desenvolverán a súa estadía no Gaiás as compañías Galeatro e Moving Compass, responsables de dar forma, respectivamente, aos volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, realizado en colaboración co Centro Dramático Galego.  Nesta ocasión, textos clásicos da literatura portuguesa e do teatro medievais serán o punto de partida de dúas anovadoras propostas que parten á procura de novos públicos empregando linguaxes e técnicas actuais do teatro de monicreques e da improvisación. O resultado desta residencia, que presentou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, poderá verse a finais de mes en dúas funcións de dous pases cada unha na Cidade da Cultura.


Publicidade

Novos camiños para as artes escénicas

Entre as novidades desta edición, Anxo Lorenzo fixo mención igualmente á estadía Facendo novos camiños, incluída na programación do Xacobeo 21-22. Unha iniciativa que convidou a tres artistas galegos —Mercé de Rande, Ramón Souto e Mateo Feijóo— cunha traxectoria recoñecida na danza, na música e nas artes escénicas, para crear tres pezas inéditas deseñadas especificamente para ser representadas no Gaiás dentro do festival Escenas do Cambio.

Completan as Residencias Artísticas do Gaiás desta primeira metade do ano as RESIS, en residencia e as Residencias Paraíso. A primeira concretarase en You erase yourself, unha instalación sonora inmersiva que xoga coa idea de facer desaparecer o espazo e o tempo e que se poderá experimentar tanto no Museo Centro Gaiás como dentro da programación do Festival RESIS de música contemporánea da Coruña, anunciou a responsable de comunicación do festival, Laura Garrido. Ademais, nos próximos meses coñeceremos os dous proxectos que estarán no Gaiás como parte das Residencias Paraíso, impulsadas polo colectivo RPM co apoio da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para dar acubillo a artistas de danza e artes vivas de España e, por primeira vez este ano, tamén de Portugal.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microefectos Dramatúrxicos. Clavicémbalo Lugo. Foto Pepe Saavedra.

Os Microefectos Dramatúrxicos voltan ao Clavicémbalo de Lugo

Susan Sontag en Saraxevo en 1993, retratada por Annie Leibovitz.

A guerra e o teatro