in

A guerra e o teatro

Susan Sontag en Saraxevo en 1993, retratada por Annie Leibovitz.
Susan Sontag en Saraxevo en 1993, retratada por Annie Leibovitz.

Sempre hai algunha comenencia e algunha dependencia, fundamentalmente de carácter económico, que impide aprender da historia. A historia repítese porque non acabamos de aprender. Incluso a historia tápase, entérrase e esquécese. Así é máis fácil obrar con total impunidade.

O teatro é unha arte efémera. Porén, en moitas ocasións activa a máquina do tempo e lévanos de viaxe para observar os lamentables escenarios que deron lugar a moitas guerras. Desde Os sete contra Tebas (467 a. C.) de Esquilo, a primeira peza teatral que desenvolve a súa acción nunha contenda bélica, até O Péndulo (Auditorio Municipal de Vigo, 04/03/2022) de Inversa Teatro, que exhuma a memoria de cinco asasinados polo réxime fascista en 1936, pasaron moitos séculos. A conciencia que espertan estas pezas, a sensibilidade que promoven, forma parte do antídoto contra o veleno.

Os réximes autoritarios e as guerras, independentemente da época, sempre atenazaron a cultura e a educación. Esta é a demostración máis evidente do enorme poder que ambas teñen para moldear a poboación. Habería que engadir tamén os medios de comunicación.

Dentro do ámbito cultural, o teatro, se callar, cando funciona, é unha das artes con maior eficacia, debido aos efectos e afectos derivados da acción en co-presenza.

Por iso algúns gobernos, nomeadamente os máis totalitarios, tentan controlar a educación, a cultura e os medios de comunicación. Ao dominio armado, a través do medo, a violencia e a morte, suman o dominio do pensamento e do coñecemento, apresando todas as vías que conduzan ao libre arbitrio. Manipular a educación, acoutar a liberdade de expresión, a través de lexislacións ou ameazas directas, é semellante a bombardear pontes.

Non obstante, alén do instinto depredador e do afán de poder, no ser humano tamén está o instinto de supervivencia, a capacidade de resistencia e de rebelión. Alén do odio ou da psicopatía de ditadores e caudillos, tamén está a empatía, a solidariedade e a forza dos sentimentos positivos, en moitas persoas de ben.

Quen ten a información ten o poder, é un refrán que, na miña opinión, tampouco é moi atinado. Ou si. Porque información non é coñecemento. Se a información nos dá poder, o coñecemento dános algo moito máis importante: liberdade.

A información, os datos e a descrición de feitos, coa perspectiva tendenciosa partidista de por medio, pode, certamente, condicionar o noso pensamento e incidir nas nosas decisións. Efectivamente, as noticias falsas, as fake news, son perigosas. Non obstante, o coñecemento é produto non só da información, senón tamén da dixestión da mesma para ficar cos nutrientes principais, peneirados pola análise, a reflexión, a comparación, a experiencia, a intuición, os afectos, os valores éticos e a tendencia á complexidade e non ao reducionismo.

Desde o meu punto de vista, as artes vivas, aquelas que se basean na co-presenza e na acción, só funcionan cando son capaces de mesturar pracer con coñecemento. Tal vez porque, como afirmaba Bertolt Brecht, non hai verdadeira pedagoxía sen pracer.

Se cadra tamén é por iso polo que case todos os ditadores, de outrora e de arestora, tentaron baleirar o teatro de coñecemento e reducilo a un mero entretemento vacuo ou ben poñelo ao servizo directo do seu ideario.

Os ditadores, e quen se rexe só polo afán de poder e a comenencia, acostuman adoecer de humor ou mesmo prohibilo ou reducilo ao chiste barato, á parvada, a mofarse de quen é diferente. Porén, sen humor non hai salvación. Ou dito doutro xeito, o humor é a salvación, porque supón unha emancipación, unha transgresión e un coñecemento.

A radical importancia do teatro como outra forma de axuda foi a que emprendeu a escritora e ensaísta, tamén dramaturga, Susan Sontag. Durante a guerra de Bosnia, con 60 anos, Sontag viaxou á asediada cidade de Saraxevo para ensaiar, durante cinco semanas, e estrear, o 17 de agosto de 1993, Á espera de Godot de Samuel Beckett, nun pequeno teatro bombardeado, á luz das candeas. Unha peza realizada por unha equipa local dirixida por Sontag, sobrepoñéndose a grandes dificultades, desde a falta de luz e auga até o risco dos bombardeos ou dos disparos dos francotiradores.

Segundo parece, a prensa adoitaba preguntarlle se montar unha obra de teatro en medio dunha guerra non era como tocar o violín mentres Roma arde. Ao que Sontag respondía: “Si, pero nós somos Roma.”

E Godot? Godot tamén somos nós ou o que de humano poida haber en nós. E seguimos á espera.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación do programa REGA 22. Foto Comunicación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

A Xunta abre as Residencias Artísticas do Gaiás, REGA 22

'Exercício para Performers Medíocres' de Tita Maravilha. Rua das Gaivotas 6. Lisboa. Foto: A Padilha.

eu sou medíocre, tu és medíocre, …