A convocatoria deste ano das Residencias Paraíso vén de resolverse e xa está dispoñible o programa cos proxectos e artistas seleccionados e os espazos e datas de traballo. Cada proxecto recibirá un apoio de entre 1800 e 3000 euros.
O programa comezará coa residencia combinada do Centro Coreográfico Galego e o Teatro Rosalía de Castro na Coruña, que acollerán o proceso de creación da portuguesa María R. Soares titulado Void Void Void. A artista, acompañada polo músico Antonio Marotta, traballará nunha performance coreográfica e sonora nunha tentativa de crear unha paisaxe cósmica onde son, espazo e xesto se dilúen nunha soa materia.
O verán comezará co acompañamento do proceso de investigación Vaivén, da bailarina e creadora galega Marcia Vázquez, na primeira das residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela. Esta investigación “achégase á física cuántica para comprender dunha maneira máis honesta os movementos ondulatorios do corpo facendo dialogar a ciencia, a danza e o son” e conta co acompañamento da artista transmedia Acacia Ojea.
Collerán o relevo, tamén na Cidade de Cultura e o Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, o colectivo de arte de acción Pura y Fachada, formado pola galega Eva Antelo e a andaluza Sara Gema Domínguez co seu proxecto Ser, estar, parecer: atributos del verbo artístico. Na súa investigación pretenden desenvolver múltiples accións performativas, públicas e espontáneas, a cabalo entre o cotián, a democratización do arte e a hibridación arte-vida.
Pola súa banda, a parella de artistas formada polo galego Federico Vladimir e o madrileño Pablo Lilienfeld, afincados ambos en Bruxelas, levarán a diante a residencia en diálogo coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. O seu proxecto Mónica é “unha autobiografía especulativa no que o xogo se torna ferramenta para re-imaxinarse, expandindo o relato coñecido ao tempo que a xenealoxía desborda cara ao futuro”.
En agosto, o Pazo da Cultura de Carballo será o espazo anfitrión da residencia da artista brasileira afincada en Madrid Natalia Fernandes. Baixo o título ¿Podemos hablar de Caetano?, a artista propón unha creación a cabalo entre un álbum de música, unha conversa e unha coreografía, apoiándose no universo poético do cantante Caetano Veloso.
Xa no mes de setembro, terá lugar o proceso de creación de Proto, da creadora galega Janet Novás, na residencia do Pazo da Cultura de Narón. Nesta residencia a creadora quere afondar no traballo do corpo dende a súa relación co son, a iluminación, os obxectos e o propio movemento. Logo dunha traxectoria na que o seu propio corpo encarnaba as súas creacións, en Proto proponse investigar nunha peza colectiva na que dialogue dende a dirección con outras persoas convidadas ao proceso.
No Centro Torrente Ballester de Ferrol desenvolverase a residencia de creación das artistas andaluzas Hermanas Gestring, no seu décimo aniversario de compañía, co seu proxecto Hacer Amor: “unha sorte de musical escénico que coloca o Amor (con maiúsculas) no centro; unha oda ao afecto como o verdadeiro motor da súa práctica”.
Rematará o programa no Vello Cárcere de Lugo para a residencia de Fernando Epelde, creador galego afincado en Berlín que estará traballando no seu proxecto La balada de Clippy. Neste proxecto, “o creador propón unha odisea épica a través do editor de texto, investigando as posibilidades dramáticas e escénicas desta ferramenta de ofimática e os significado do concepto de ‘texto teatral’ na época do posdrama, nun formato a cabalo entre a conferencia performativa e o concerto”.
A comisión
A comisión de valoración estivo formada por cinco persoas: Nuria Sotelo (bailarina e creadora galega, responsable da Casa Vella), Marta Valverde (artista visual galega e artista Paraíso 2021) e Iara Solano (artista, produtora escénica e comisaria independente vasca) como profesionais independentes e Caterina Varela (directora Residencias Paraíso) e Rut Balbís (co-coordinadora Residencias Paraíso) por Colectivo RPM.
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas impulsado dende o Colectivo RPM, que conta co apoio da apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic, e das distintas institucións coprodutoras do programa: o Concello de Santiago, o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Ferrol, o Concello de Carballo, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia; así como coa colaboración fundamental dos distintos espazos cómplices.