Escribo isto no día 1 de maio de 2022, domingo e Día da Nai. Se entro nas redes sociais vou abafar de ver canto lle quere todo o mundo ás súas respectivas proxenitoras. Hoxe é o día para demostralo. Pero eu á miña nai quérolle igual hoxe ca mañá ou que calquera outro día do ano. Aínda que hoxe llo teña que demostrar.
Tamén toca pasar por caixa. Quen máis nos lembra que hoxe é o Día da Nai son os comercios e as marcas de produtos, sobre todo daqueles que se supón que están destinados ao que a nosa sociedade considera unha nai. Porque diso se trata tamén, de consumir e de meter a cadaquén na súa caseta, no seu rol.
O venres 29 de abril foi o Día Internacional da Danza e iso fixo que moitos teatros municipais programasen máis danza da que adoitan programar durante o resto do ano. Tamén algúns medios de comunicación lle reservaron un espazo do que nunca gozan. Coa danza e, en xeral, coas artes do movemento non acontece como coas nais, que as queremos durante todos os días do ano.
En cidades como Barcelona, Madrid, París ou Porto, hai teatros públicos dedicados á danza e ás artes do movemento, con programacións variadas, con espazos de residencia, con producións e coproducións. A danza, neses lugares, non é unha arte subalterna excepcional, como sucede na meirande parte dos sitios.
O Día Internacional da Danza case se podería equiparar ao Día do Orgullo LGTBIQ+ porque aparece nos calendarios dunha sociedade do “postureo”, da pose, na que a igualdade é algo discutible e debatible, dentro dunha concepción xerárquica, meritocrática, heteropatriarcal e capitalista.
Xa sei, xa sei. Si, xa sei que estes termos parecen rancios e non están na moda. Xa sei que ficaron desactivados polo novo vocabulario e as novas tendencias, vinculadas ás industrias tecnolóxicas, ás TIC (tecnoloxías da información e a comunicación), ás plataformas dixitais, e aos gabinetes chamados de “recursos humanos”, etc. Porén, cando escribo “capitalista” fai eco, por exemplo, toda esa insistencia na empregabilidade, cando a xente ten que escoller unha carreira, desprazando o interese polo coñecemento, a cultura e as posibles vocacións, cara aos lucros e aquilo que o mercado decida que debemos facer se queremos triunfar (ter diñeiro e éxito). Cando escribo “heteropatriarcal” só estou a constatar o que observo no meu día a día nos detalles. Outra vez as campañas de publicidade, educándonos nunha norma afectivo-sexual. Os comentarios na rúa e nos lugares de socialización. O día que vexa no ximnasio parellas de homes ou de mulleres adestrando e dándose bicos nos descansos, igual que vexo facer a algunhas parellas heterosexuais, ese día deixarei de escribir a palabra “heteropatriarcal”.
Coa danza e as artes do movemento constato unha discriminación negativa análoga. Esta desigualdade inxusta pode demostrarse obxectivamente cos datos de programación, así como coa cantidade nos orzamentos investidos polas administracións públicas, sendo practicamente inexistente o apoio de entidades privadas. Tamén a presenza nos medios é residual. Nos currículos educativos é practicamente inexistente, pese ás súas bondades no que atinxe ao traballo corporal harmónico e expresivo.
Porén, a danza foi unha das primeiras manifestacións da civilización humana, un camiño de unión, liberación e felicidade.
Hai un pensamento do corpo e un discurso, que non é exactamente un discurso, pero que forma parte dos valores que enriquecen un pobo. Un pobo sen danza non é un pobo, é unha miseria. Un pobo e unha cultura que marxina a danza, anque sexa sen decatarse de que a marxina, fica empobrecido, por moita literatura, moito turismo ou moita industria que teña. É nas artes efémeras, esas que non se poden coleccionar en galerías, museos ou palacios, nin reeditar en libros que vendan millares de exemplares, onde unha cultura demostra o seu amor propio e a súa riqueza.