As entradas para os espectáculos de sala programados ao abeiro do XXIII Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo), xa se poden adquirir dende esta fin de semana no Multiúsos da Xunqueira. A un prezo único de 5€, o público poderá conseguir billetes para desfrutar das propostas de interior contempladas no programa desta edición, que inclúe títeres para adultos, a cargo das compañías Ariel Doron (Israel), La Salamandre (Francia) e Teatro Matita (Eslovenia), e representacións de caracter familiar coas compañías Víctor Biau (Aragón) ou Alakrán Títeres e Tanxarina Títeres (Galicia).
Xunto coas entradas, dende esta fin de semana tamén saen á venda as famosas camisetas que xa forman parte da identidade do pobo redondelán, e que se poderán adquirir nos exteriores do Multiúsos da Xunqueira este sábado e domingo de 10:30h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h, xunto coa cartelería e políptico promocional.
Máis de 70 actividades na rúa
Ademais da programación de sala, as rúas e prazas da vila encheranse do mellor teatro de monicreques durante do sábado 14 ao martes 17 de maio. Máis de 70 funcións de teatro e música, ademais da exposición de Tanxarina Títeres nos principais comercios da vila e a instalación na Casa da Torre de ‘Ingenii Machina’, de Alauda Teatro, un gran espectáculo de animación de rúa baseado en varios aparellos mecánicos, creado coa intención de buscar a interacción lúdica e a diversión do público.
Esta XXIII edición vén marcada pola recuperación da normalidade e contará con 31 compañías da máis variada procedencia e que contará con 80 representacións teatrais ao longo da súa celebración.