in

Sobre os males que provoca a ansiedade e outros síntomas

Imaxe dun non-lugar onde se mercan cousas. Por Ma Fushun
Imaxe dun non-lugar onde se mercan cousas. Por Ma Fushun

Curiosidade: (substantivo feminino) Desexo de saber, de aprender, de coñecer cousas novas. / Coidado, esmero, limpeza con que se fai algo.

Hai unha peza de Chékhov que leva por título Sobre os males que provoca o tabaco, unha peza exquisita que, celebramos, pode atoparse traducida ao galego.

Penso moito nela porque me encanta como está escrita, como soan todas esas palabras xuntas e porque sempre consegue que pense no tabaco coma nun problema do século XX que ten na ansiedade é o seu sucesor no XXI.

Se Chékhov vivise nesta época, definitivamente, escribiría sobre os males que provoca a enfermidade estrela do capitalismo radical.

O problema da ansiedade é que funciona coma unha droga: non sabes que es adicto, provoca violencia e sofres abstinencia cando a calma intenta aparecer. Particularmente, este último punto é o que máis me preocupa porque é o que impide con maior ímpeto que apareza un elemento fundamental para entender a beleza do mundo: a curiosidade.

Dicía o meu admirado Juanjo Millás que se vas polo mundo pensando que todo son casualidades, chega un momento no que non ves nada. Por iso, manter a curiosidade acendida fai que a dimensión de calquera acontecemento poida tender a infinito. Xa sexa unha mosca dando voltas, unha fenda nunha parede ou a capacidade de escoitar ao outro.


Publicidade

Queda claro a estas alturas que non estou a falar da ansiedade como un problema físico provocado por determinadas circunstancias. Falo da ansiedade derivada da velocidade do devir dos días, do nerviosismo e do medo ao abismo que poida existir fóra de determinadas ideas impostas polos medios de control-poder, como diría Foucault.

Fóra dos logos coñecidos, das marcas, e dos discursos precociñados, hai un mundo inmenso de cores, diversidade, tranquilidade e vida.

Como artista négome a pensar que a vida consista nun cronograma detallado ao milímetro con meses de antelación onde a idea de “ben” vai unida a túa capacidade de negarte a ser curioso. A curiosidade implica pensar e preguntarte por que algo é así e non doutro xeito.

O teatro é pregunta. E debe preguntar. Ten que preguntar. Pero coa humildade de saber que as boas preguntas non teñen unha única resposta.

Facede preguntas, mantede viva a curiosidade, camiñade con calma.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Butacas |

A Agadic resolve as subvencións para a modernización e xestión sustentable de espazos escénicos

FIT Redondela

O Festival de Títeres de Redondela abre a billeteira para os espectáculos de sala