in ,

As novas producións do CDG falarán de fútbol, Shakespeare e Xohana Torres

producións CDG
Responsables das próximas producións propias do Centro Dramático Galego.

A Xunta de Galicia pon en marcha tres novas producións do Centro Dramático Galego (CDG) para a temporada 2022-2023. Os títulos provisionais das estreas son Recortes, caneos e outras formas de driblar, con Tito Asorey como director; Shakespeare en Roma, con catro equipos de dirección, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Con estes espectáculos, que representan un investimento superior aos 600.000 euros, o CDG ten a previsión de realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, cos obxectivos de chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias. A publicación da convocatoria para a contratación de 18 intérpretes abrirase o día 20 de maio.

A primeira das estreas, Recortes, caneos e outras formas de driblar, prevista para o segundo semestre deste ano, achégase ao deporte de elite cun espectáculo creado a partir da investigación de Nacho Carretero sobre o fútbol. Trátase dunha obra de carácter xornalístico-documental con adaptación e dramaturxia de Xosé L. Prieto. A través dela proponse unha reflexión arredor do deporte de elite con diferentes historias que exceden o xogo futbolístico.  Para esta peza o Centro Dramático Galego contratará tres intérpretes.

Shakespeare en catro pezas

Shakespeare en Roma nace a partir das obras Coroliano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico, de William Shakespeare, e busca achegarse ao lado invisible do poder. A montaxe condensa as catro pezas, con cadansúas direccións e dramaturxias, como unha oportunidade para xuntar tres momentos da historia, o presente, o período Isabelino e a Roma clásica, a través da guerra, a violencia e a loita polo poder.

Así, a dirección de Coroliano asumiraa Rui Madeira, con dramaturxia de Vladimir Snegurchenko; a de Xulio César, María Barcala e Xulio Lago, con dramaturxia de Ana Carreira; a de Antonio e Cleopatra, Sara Rey, con dramaturxia de Ana Abad de Larriva, e a de Tito Andrónico, Quico Cadaval, con Lorena Conde como dramaturga. O elenco estará formado por oito artistas.


Publicidade

Pola súa banda, Un hotel sobre o río, con sete actores e actrices, é unha aposta da unidade teatral da Xunta por un clásico da literatura dramática galega, escrito por unha figura transcendental como é Xohana Torres e que foi recoñecido co Premio Castelao en 1968. Desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico que pretende converter o espazo nun hotel con área recreativa.

Elencos versátiles e transdisciplinares

Con carácter xeral, os roles dos proxectos responden á lóxica de creación coral a partir dos respectivos textos, e serán definidos a partir da compensación de perfís entre as candidaturas recibidas. Primaranse intérpretes con probada versatilidade e valoraranse as traxectorias e características dos espectáculos representados. Seleccionaranse tamén algúns perfís transdiciplinares, con coñecementos en música, a danza, o audiovisual ou as artes plásticas.

O proceso de selección constará dunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais e, para quen supere esta, doutra de interpretación. As persoas interesadas en optar a estes contratos e cumpran os requisitos establecidos poderán solicitalo presentando o formulario que poderá descargarse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao anuncio da convocatoria o día 20 de maio.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

INLOCA de Matarile

Matarile paraliza a estrea de ‘INLOCA’ en Galicia por enfermidade dunha das actrices

RODAPRENSA39MOSTRA01 |

A Mostra de Cangas dá a coñecer o programa da súa 39ª edición