in ,

Ana Abad de Larriva obtén a bolsa de dramaturxia da Agadic co proxecto ‘Bailar no ceo’

Ana Abad de Larriva premio abrente
Ana Abad de Larriva. Imaxe de David Rodas.

O proxecto de escrita Bailar no ceo, da actriz e dramaturga Ana Abad de Larriva, resultou gañador da segunda edición da Bolsa de dramaturxia impulsada polo Centro Dramático Galego (CDG) e diversos colectivos do sector teatral e cultural galego. Ao abeiro da iniciativa, a autora recibirá 6000 euros para desenvolver un texto que será levado a escena en 2023 como coprodución da unidade teatral da Xunta, a cargo da compañía que gañe a seguinte fase de selección, centrada na creación do espectáculo.

Segundo recolle a resolución, que vén de publicar a Agadic, a comisión de valoración destacou “o uso de diversas linguaxes á hora de artellar a proposta, así como unha temática atractiva e innovadora que permite a recuperación de figuras históricas en relación co noso tempo presente e potencia as figuras de mulleres pioneiras en distintos campos”. Tívose tamén en conta “a concreción na exposición das ideas e o rigor no desenvolvemento, ademais da súa coidada presentación”. Elixida de entre unha decena de candidaturas, na acta do fallo faise constar a alta calidade dos proxectos presentados e as importantes traxectorias das autorías.

O director do CDG, Fran Núñez, presidiu a comisión de valoración, composta por 14 representantes de diversos colectivos do sector teatral e cultural galego: Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, Academia Galega de Teatro, Consello da Cultura Galega, a sección de Galicia da Unión Internacional de Marioneta, Revista Galega de Teatro, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Asociación Galega de Dramaturxia, Federación Galega de Teatro Afeccionado, Asociación de Profesionais do Circo de Galicia, Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia e Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, xunto unha persoa profesional do xornalismo cultural.

 

Actriz, dramaturga e comunicadora

Titulada na especialidade de Interpretación xestual pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, Ana Abad de Larriva é tamén licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago e doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo. Como dramaturga gañou en 2019 o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais con A sombra das árbores, publicada na Editorial Galaxia, e, en 2021, o I Certame de Microteatro da Memoria, con Un biolo na noite, editado pola Deputación de Pontevedra.


Publicidade

Outras pezas súas foron publicadas dentro de diferentes volumes de dramaturxia: Romper o xeo, bailar a nada (en Á Feira Edicións) e Na memoria da auga, Soños de cinza, Manos e Margaritas en el pecho (en Ediciones Invasoras). As súas creacións escénicas tamén foron seleccionadas e estreadas en diversos festivais: Sobre o baleiro (Escenas do Cambio), Palabra e Na sombra, unha árbore (FIOT), Lama (FITO), En caixas (MITCFC) ou Mulleres que bailan na néboa e Efecto Flash (Festival de Pezas dun Teatro do Porvir da AELG). Ademais, é a subdirectora da erregueté | Revista Galega de Teatro e leva a sección de artes escénicas do Diario Cultural Zeta na Radio Galega.

Unión, diálogo e colaboración

A nova edición da Bolsa de dramaturxia e creación ten como novidades con respecto á de 2021 o carácter bienal, o incremento nun 50 % da contía outorgada e a ampliación do prazo para desenvolver o proxecto ata os seis meses, fronte aos catro do ano anterior. Trátase dunha medida impulsada desde a unión, o diálogo e a colaboración do Centro Dramático Galego e o sector, no marco da aposta pola dramaturxia contemporánea.

Na actualidade estase a traballar na posta en escena do texto gañador da primeira edición, Relato para un incendio, de Ernesto Is, nunha coprodución do Centro Dramático Galego e a compañía aAntena Teatro, seleccionada na segunda fase da iniciativa, a Bolsa de creación. O obxectivo da bolsa é apoiar toda a cadea de valor dun espectáculo teatral: a escrita, a produción e a distribución.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

estrea Nohorizontes

Anómico Teatro estrea ‘Nohorizontes’ en Vigo

bv feira francos teo 2022 |

A Barraca de Barriga Verde volve ás Festas da Ascensión de Santiago