De cuerpos ausentes
Esta conferencia de Maite Garbayo Maeztu deriva do seu ensaio no que, baixo o mesmo título, reflexiona sobre algunhas das primeiras performances que se fixeron nos anos setenta no Estado español e as ocupacións das rúas por parte do activismo feminista. Frente ao ideal de presenza e transparencia de significados herdado da modernidade liberal, artistas como Dorothée Selz, Fina Miralles e Olga L. Pijoan puxeron en marcha veladuras, ocultacións e trocos que nos convidan a ir máis aló da visualidade.
Maite Garbayo Maeztu (Pamplona, 1980) é profesora Serra-Húnter no Departamento de Historia da arte da Universidade de Barcelona e Directora Académica do Máster en Prácticas Artísticas e Estudos Culturais: corpo, afectos territorio (UPNA, UPV e CACH). Doutora en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco e Mestra en Historia da arte pola Universidade Nacional Autónoma de México. Anteriormente ocupou unha praza de Académica no Departamento de Arte da Universidade Iberoamericana (México), e foi Investigadora Posdoutoral no Instituto de Investigacións Estéticas da UNAM. En 2016 publicou o seu primeiro libro, Corpos que aparecen, performance e feminismos no tardofranquismo (Consonni, 2ª edición 2019). Ten publicado numerosos artigos e capítulos de libro, e comisariado diversas exposicións. As súas principais liñas de investigación son a arte contemporánea e os feminismos no estado español e en Latinoamérica, e os estudos de performance.
Leçons du Vendredi
Nalgunhas casas comezaron a verse actos de sabotaxe desorganizados. Inicialmente, tratábase dunha lixeira melancolía que remataba nunha pota de comida queimada ou nunha camisa mal pasada a ferro, aínda que ás veces, incomprensiblemente, toda a vaixela acababa destruída en anacos no chan.
Somatización é unha palabra que anula toda unha serie de saberes e aprendizaxes dos nosos corpos. Establece, unha vez máis, a mente como un elemento autónomo que, en ocasións, produce alteracións fisiolóxicas ao exercer o seu poder sobre a carne. Gustamos de substituír “somatización” por “histeria”.
Histeria, como materia que ofrece alivio ao sufrimento emocional, como ruptura do corpo individual cara a protesta colectiva, como engano ante a disciplina e o implacable poder psiquiátrico.
Histeria, como xeito físico de enfrontarse ao mundo, que se le nos corpos alleos e se escribe no propio, nunha solidariedade non verbal.
HISTERIA! como berro inaugural das nosas leccións dos venres.
Leçons du Vendredi é unha das posibles conclusións, colaborativa e contaminada, do proxecto Huelga salvaje.
A obra de María Roja (Lugo, 1982)xira en torno ao corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. O seu traballo visual e performativo amosouse en diferentes exposicións e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos de Galicia, España, Portugal, Grecia, Taiwan, Uruguai, Colombia, Chile, Brasil, Honduras, México, Ecuador, Santo Domingo, Arxentina, Cuba, Bosnia e Herzegovina, Irán, Países Baixos, Perú ou Canadá. É co-fundadora dos colectivos áIntemperie, Blanco&Roja, Ohn e Límites, proxectos situados no campo da arte de acción. No ámbito da interpretación, destaca o seu traballo en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de corte experimental, sendo salientable o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria no ano 2017.