in

O CGAC acolle unha mostra dedicada ás artes vivas

'Dislocación', de Berio Molina

O CGAC, en Santiago de Compostela, acolle unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos. A mostra, que leva o título O museo como escenario, presentouse o venres e poderá visitarse ata o día 2 de outubro. Na presentación participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director do CGAC, Santiago Olmo; o comisario da exposición, Iñaki Martínez, e as artistas Rosana Antolí, Berio Molina e Marta Pazos.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou que este proxecto “busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente”. A partir das propostas de Rosana Antolí, Marta Pazos e Berio Molina, os espazos do CGAC convértense nos próximos meses nun lugar de produción e experimentación onde as instalacións creadas polos artistas para este proxecto funcionan de xeito autónomo, pero tamén poden ser activadas polo espectador.

 

Obras expostas

Rosana Antolí presenta A charca, que funciona como espazo coreográfico con estrutura dunha ópera clásic ae conta a historia ficcionada sobre un paraíso perdido e resistente dentro dunha charca no medio da nada, convidando así a entender a hibridación entre especies.


Publicidade

En Dislocación Berio Molina propón un exercicio de toma de posesión do museo. Durante nove días, habitará as salas do CGAC xunto a Alejandra Pombo e Calís Pato, facendo funcionar as bucinas instaladas na terraza do centro. Os performers (bucineiros) decidirán cando tocalas. Só poderán falar entre eles durante as comidas e terán unha palabra de seguridade por se nalgún momento teñen que saír da acción. Un deles gravará en vídeo indefinidamente, sen pausa, todo o que ocorra. Ao final do día acabará cunhas 18 cintas gravadas (unha por hora) e, tras nove días de acción, editarase unha película que funcionará como resumo de todo o sucedido.

Marta Pazos en Contemplación presenta unha instalación a modo de gran piscina habitada por unha escultura xigante que se ancora á parede e á que se adhiren unha serie de elementos fluídos. A cor xoga un papel fundamental na instalación, o mesmo que o son, para proporcionar esa experiencia de habitar no fondo dun espazo acuático. A instalación será activada coa colaboración dos actores cegos Lola Robles e Miguel Escabias. Na acción tomarán como inspiración o I Ching, o libro-oráculo chinés que data do 1200 a. C.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Eduardo R. Cunha Tatán

Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” galardoado co Premio de Honra da MIT de Ribadavia

Fotografía de Markus Spiske.

Sobre a importancia dun oficio sen violencias