A Asociación de Autores de Iluminación (AAI) organiza unha presentación en Galicia o martes, 21 de xuño, ás 11.00 horas no espazo Nononon de Vigo, co obxectivo de dar coñecer a Asociación noutras cidades, sumar socios e puntos de traballo en distintas zonas de España.
Trátase dunha iniciativa impulsada por Laura Iturralde, deseñadora de iluminación e gañadora dos premios «Rogelio de Egusquiza» de Iluminación ADE 2020 e Mellor Deseño de Iluminación nos XXIV María Casares.
Contará coa presenza de Juan Gómez-Cornejo, consultor e ex presidente da AAI e Carlos Torrijos, actual vicepresidente de AAI para falar sobre a historia, obxectivos e actividades da asociación. É preciso a inscrición previa para asistir ao encontro.
Durante o acto informarase acerca das actividades da AAI e de xerará un punto de encontro entre profesionais, alumnado e profesorado relacionado co mundo da iluminación, artes escénicas e videoescena en Galicia.
Na actualidade, a AAI conta con vogalías en Madrid, Cataluña, Sevilla, Canarias e máis recentemente en Valencia e Murcia, representa a máis de 298 profesionais do sector do deseño de iluminación e a videoescena.
A iluminación como linguaxe
A Asociación de Autores de Iluminación (AAI), foi creada en 1998 coa vontade de axuntar esforzos e obter un maior recoñecemento profesional da figura do deseñador de iluminación no ámbito das Artes Escénicas e audiovisuais. Desde o ano 2014 incorpora a profesionais da videoescena e representa a profesionais do sector do Deseño de iluminación e a Videoescena de España e doutras partes do mundo. A maior parte dos asociados traballan no sector das artes escénicas (teatro, ópera, danza, concertos, circo, etc.), aínda que hai asociados desenvolvendo o seu labor en TV, arquitectura, eventos, consulting, docencia, etc.
A AAI quere converterse nun instrumento dinamizador importante dentro da industria da iluminación e audiovisual no noso país, conta coa participación de empresas colaboradoras e patrocinadores, coa intención de desenvolver programas de formación e capacitación dos futuros iluminadores, así como a ampliación de coñecementos dos profesionais en activo. Dende a organización afirman que son “creadores e manexamos unha linguaxe moi especial, o da luz convertida en emocións e capaz de comunicar, compartimos sensacións únicas difíciles de describir con palabras” polo que queren “compartir esta paixón polo noso traballo e facela chegar a todas as persoas interesadas na maxia da luz”, afirman.