A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, inicia hoxe ás 19.00 horas a súa 39ª edición cunha homenaxe especial a Lino Braxe. Os actos inclúen a inauguración da exposición da súa obra plástica e poemas visuais, a presentación do seu libro póstumo Poemas Guardados, ás 19.30 horas, o espectáculo poético-musical Poeta nas ondas, ás 20.00 horas, e ás 22.30 horas a súa peza Eurovisión. O fake show.
Esta última irá precedido pola lectura do pregón inaugural, da man da actriz, dramaturga e directora Clara Gayo, que dirixe Paxaros no Cabo, de Pistacatro, en coprodución coa MITCFC que se estreará o venres 1 de xullo, no Pavillón Municipal de Romarigo.