A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, acolle mañá unha función de Amantis, da compañía Rebordelos en coprodución coa propia mostra, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, e hoxe ás 19.30 horas farase unha presentación do proxecto escénico que irá seguida dun debate, arredor dos principais temas que aborda a peza, na sala de exposicións do auditorio.
Amantis, con dirección de Tamara Canosa, conta a historia de M., un adolescente de barrio obreiro que quere ser influencer. Nese camiño topará coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que el mesmo terá que descubrir quen é.
A peza explora a fenda xeracional entre nativas/os e non nativos/as dixitais, tentando comprender como inflúen as redes sociais, o selfie e o sexting na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. É un espectáculo unipersoal que conxuga música, humor e acidez convocando aos teatros a diferentes xeracións para reflexionar en común sobre os retos, dificultades e pegadas culturais da era dixital.
No debate desta tarde participarán Chis Oliveria, Priscila Retamozo, Tamara Canosa e Comando Igualdade.
Notas da directora
Tamara Canosa explica os motivos que a levaron a crear esta peza: “Estamos ante a primeira xeración de adolescentes nativos/as dixitais con nais/pais non nativas/os dixitais. Ademais, atopámonos nun momento histórico de tensión de forzas e son os hoxe adolescentes os chamados a desfacer o nó que lles deixamos. O momento é fascinante, a denominada Xeración Z resúltame engaiolante e deste abraio e da curiosidade por comprendela nace Amantis.
Esta obra é unha bisagra interxeracional luminosa e positiva, de ruptura de paredes e de convite ao baile e ao gozo. Porque a miña ollada é de con-fianza nesta xeración. Teñen a enorme dificultade de medrar nun mundo hiperconectad@s, hiperexpost@, hiperestimulad@s, no que as comparacións e os modelos aspiracionais heteronormativos teñen máis presenza ca nunca. Un mundo artellado para mantelos/as calculadamente insatisfeitos/as e sempre dispostos/as a fuxir a un perfecto e atractivo espazo online no que todo, ata a felicidade, se pode mercar. Porén, comprométense, mobilízanse e dinamitan constantemente o preconcibido.
Amantis é unha viaxe pola bendita adolescencia, pola intensidade duns anos que determinan quen somos e seremos. Aos lombos das linguaxes dixitais, dun universo online que cada vez ocupa máis da nosa existencia, nos mergullamos na procura da identidade propia e nas relacións interpersoais da era dixital, no desexo e na paixón como impulsos que non camiñan necesariamente xuntos. Lugares de celebración e tribulación para os e as adolescentes e que os adultos e adultas tamén visitamos dende a vulnerabilidade e a sorpresa. Porque todos e todas fomos adolescentes e estamos hoxe un pouco perdidas pola vertixinosa velocidade dos tempos”.
Ficha artística
ACTOR: ROQUE RUIZ
ESPAZO E LUZ: JOSE MANUEL FARO “COTI”
ESPAZO SONORO: JAS PROCESSOR
VESTIARIO: MELANIA FREIRE
FOTOGRAFÍAS: SABELA EIRIZ
TEXTO: TAMARA CANOSA E XACIO BAÑO
DISTRIBUCIÓN: KANDENGUE ARTS
DIRECCIÓN: TAMARA CANOSA