Dereito a ser ou non ser
Un proxecto de vida, o teatro. A 38ª MIT de Ribadavia arrancou no Auditorio Rubén García do Castelo cunha versión recontra libre dun Hamlet chegado dende o Teatro La Plaza de Perú para recordarnos a importancia do teatro como arma para dar vida ao oculto, oprimido, menosprezado… Oito actrices e actores con síndrome de Down danos unha lección de vida utilizando o Hamlet como canle para, como di a súa directora Chela de Ferrari, mostrarnos as súas inquedanzas e problemas vitais, nunha sociedade chea de persoas que teñen un cromosoma menos ca elas e eles.
Nun traballo de creación colectiva, utilizan a Shakespeare para conectalo coas súas vidas, amosándoas en escena: a relación de Hamlet e Ofelia cos seus pais, a amizade sen condicións, o amor supervisado, a rebeldía fronte a Claudio, as dúbidas, as preguntas existenciais… Ser ou non ser.
A escena constrúese dun xeito coral, onde todos a una, comparten e amplifican as súas propias voces, pasando todas polo papel de ser as protagonistas da obra (un Hamlet). Os seus corpos, a súa presenza, enchen o espazo sen precisar apenas escenografía. A iluminación e o fume, xunto a espazo sonoro e as proxeccións, son os principais elementos que se suman ao elenco para meternos dentro das atmosferas de amor, violencia, liberación, etc. que se van xerando; acompañados tamén por algúns obxectos de apoio como unha butaca moderna a modo de trono ou a coroa de plástico que van cedéndose entre eles como símbolo de poder co que están a reclamar o seu trono, o lugar que lles pertence dentro da sociedade. E todo isto fano vestidos coas súas propias roupas de rúa, coas que cada unha e un deles están a gusto, conforme a como se senten, a como son. Porque están orgullosos de ser, e queren que se lles recoñeza como tal, non como uns “non ser”. Hamlet é a escusa coa que nos atraen ao teatro para que sintamos isto que nos teñen que dicir, sen filtros de ningún tipo; para tocarnos coa súa realidade do día a día, coa súa existencia, situándose entre nós, partindo do público e chegando ao público.
A dramaturxia arranca co escenario baleiro e a proxección do nacemento dun bebé. Un actor aparece en escena e sitúase de costas a nós vendo a contraluz o que fora o seu nacemento. Dende todas as esquinas (público e arredores do escenario) comezan a chegar a escena o resto do elenco situándose de igual xeito. Todas e todos vemos nacer un ser humano san, que respira, que chora; e compartimos a alegría e felicidade dese momento para a súa familia. Logo faise o escuro e nace a obra.
Dende o primeiro xiro no que se mostran ao público, a actriz que vai facer de narradora da obra, Cristina, explícanos quen son e por que están aquí, e logo entre todas e todos fan unha captatio benevolentiae pedíndolle ao público que desculpen os erros que poidan cometer na dicción, en quedarse bloqueados nalgún momento na fala, etc. por mor do seu síndrome; ao que o público responde con aplausos.
Situado dentro do seu contexto, acabei a obra quedando sorprendido e avergonzado á vez ao descubrir tantos prexuízos e inseguridades que tiña ante persoas con este síndrome. Ao longo da mesma, abríronnos os seus corazóns e ofrecéronnos unha marabilla de espectáculo que emanaba Humanidade. Baseándose na esencia de escenas do Hamlet, nun xogo de paralelismos ían representándonos unha mestura dos personaxes de ficción cos reais, coma cando nunha intervención de Jaime el autodenomínase rei do Perú (perdón, de Dinamarca) e logo chámase a si mesmo Jaimlet. Avanza a obra e imos formando parte do seu mundo, compartindo o mesmo escenario da vida con elas e eles, desaparecendo a barreira de que son diferentes a nós; sentímonos un máis deles e só vemos a actrices e actores totalmente entregados. Esta barreira rómpese completamente no momento en que fan subir a catro persoas do público ao escenario para facer unha escena de metateatro dentro da obra e, nun momento de tensión dramática, dinlles que van ter que facer de árbores, de lúa… como se fosen actores e actrices con síndrome de Down…, para a continuación diluír a dita tensión dun xeito entrañable, espertando as risas cómplices do público.
A mensaxe principal da obra, que se repite en múltiples ocasións é o: “Ser ou non ser? Esa é a pregunta. Que é mellor, sufrir os golpes da vida ou tomar unha arma e acabar con ela?”. Está presente esa inquedanza nunhas persoas que se senten excluídas, violentadas, ás que non se lles permite soñar, ter fillos, ser independentes… E de aí a escena previa ao suicidio de Ofelia na que tras bicarse no chan do escenario con Hamlet, amplificándose os bicos, o amor entre eles, nunha pantalla xigante de proxección dentro dunha atmosfera onírica, remata quedando soa no medio do escuro universo do escenario.
“¿No es el miedo lo que nos hace soportar los males que conocemos antes de saltar a eso que desconocemos? La idea de la muerte nos vuelve cobardes en los proyectos más arriesgados, los más duros y difíciles. Por ese miedo, cambian su curso y mueren… Nuestra vida es un proyecto”
Unha lección de vida na que a morte é para os covardes: non facer, agocharse, non ser, é coma estar mortos en vida. Unirse, mostrarse, e facer soños realidade a través dun proxecto coma este é a vida. Elas e eles teñen o seu propio proxecto, un Hamlet en si e para si mesmos/as. Non veñen ao teatro a imitar o Hamlet doutros, como na escena na que o actor imita a postura interesante dun Lawrence Olivier proxectado no fondo, para logo rompela.
Unha peza rompedora de estereotipos, de mitos, de crenzas,… Unha peza sobre o poder da autodeterminación. O proxecto naceu precisamente porque Jaime Cruz estivo traballando durante tres anos no teatro La Plaza perseguindo o seu soño: vendía programas e guiaba a xente ás súas butacas mentres agardaba a oportunidade de ser convocado como actor. Conseguiuno e grazas a el, e ao resto do grupo, puidemos aprender, soñar, cantar, bailar… sendo uns máis dentro desta obra que é a vida, que é o teatro. E así, o escenario rematou por encherse de nós (con numeroso público) bailando ao ritmo da canción Madre Tierra (Oye) de Chayanne acompañada polo canto e o baile dos actores e actrices; mentres que o resto tocabamos as palmas e bailabamos dende as gradas. Grazas, grazas, grazas. O público en pé aplaude.
Volvo para a casa coa sensación de que me desen unhas labazadas na cara desas de: acorda, estás vivo, vive, sé!