A VII Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG ten como centro o V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que se vai celebrar no Centro Ágora da Coruña, o sábado 26 de novembro de 2022, co patrocinio do Concello e a Deputación da Coruña, CEDRO e a complicidade do Centro Camões de Vigo.
Baixo o lema “Os retos das artes escénicas en tempos difíciles”, dentro do V Festival vaise ofrecer unha masterclass de Rui Torrinha, director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães (Portugal). Segundo a organización, un dos obxectivos é reforzar os vínculos entre as creadoras e creadores das artes escénicas de Portugal e Galiza.
O Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal está destinado á (re)presentación de proxectos, pezas en proceso ou inacabadas, que utilicen texto en lingua galega/portuguesa, independentemente da modalidade escénica. Por tanto, trátase, dun festival aberto a proxectos e pezas tanto de danza, como de teatro, circo, maxia ou modalidades híbridas, independentemente do xénero e estilo.
O comité de selección vai estar formado pola comisión organizadora da AELG e polo director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez. Segundo o coordinador do Festival, Afonso Becerra, vogal da Sección de Literatura Dramática da AELG: “Trátase de que o festival, ao chegar á súa quinta edición, non podía continuar facéndose de costas aos teatros da Coruña, cidade na que se celebra e na que existe unha importante tradición teatral. Por tanto é moi importante dar un paso máis e facer este festival, único en Galiza, en complicidade cos teatros municipais da Coruña, contando, para iso, co seu director artístico. Grazas a esta colaboración existe a posibilidade de conceder un premio consistente na estrea dun dos proxectos nun dos espazos teatrais da Coruña.”
O festival acollerá 7 propostas, 4 de Galiza e 3 de Portugal, asignando un orzamento de 350 € para cada unha das 4 propostas de Galiza e 450 € para cada unha das 3 propostas de Portugal. A data límite para o envío desas propostas é o 28 de outubro.