in ,

XLVII Premi Born de Teatre 2022 para ‘O can’ de Lluïsa Cunillé Salgado

IMG 1318 |
Lluïsa Cunillé Salgado, acompañada pola secretaria do Premi Born, Itziar Lecea, durante a rolda de prensa. Foto: Afonso Becerra

Este sábado 22 de outubro, nunha gala celebrada no Teatre Des Born de Ciutadella, Menorca, desvelouse que a obra El gos de Lluïsa Cunillé Salgado, foi a gañadora do XLVII Premi Born de Teatre 2022, que organiza o Cercle Artístic de Ciutadella.

Lluïsa Cunillé xa gañou este prestixioso galardón en 1999 coa peza L’aniversari e en 2010 con El temps, esta última, O tempo, traducida ao galego por Afonso Becerra de Becerreá e publicada pola erregueté | Revista Galega de Teatro no seu número 67 do verán de 2011. Por tanto, Cunillé consegue o seu terceiro Premi Born con El gos, que será traducida como O can por Becerra e publicada dentro da colección de libros da erregueté, coincidindo co número 105 da revista, correspondente ao primeiro semestre de 2023.

Na rolda de prensa, a secretaria do Premi Born, Itziar Lecea, leu a acta do xurado na que lle outorga o XLVII Premi Born de Teatre 2022 por unanimidade a El gos:

“Por ser unha obra que trata con sensibilidade e clarividencia o tema do fracaso da educación e da cultura, das  ilusións perdidas ante un mundo dominado polo poder e polos abusos de poder. A esencia teatral da obra radica nun sutil xogo de variacións entre humanidade e animalidade, que nos invita a mirarnos desde a distancia e a reflexionar sobre os valores que nos definen como sociedade. O xurado valorou o uso dunha teatralidade aberta, sensible á mutabilidade dos signos, que nos leva a cuestionar as veridades establecidas e a repensar a nosa necesidade de interpretar o mundo.”

O xurado da presente edición estivo formado por Denise Duncan (actriz, produtora, dramaturga e directora de escena), Laurent Gallardo (profesor de estudos hispánicos e cataláns na Universidade Grenoble Alps), Laura Pons (actriz de teatro, cinema e televisión), Josep Ramon Cerdà (director xerente do Teatre Principal de Palma, dramaturgo, director teatral, xestor cultural e profesor de lingua e literatura), Jaume Gomila (filólogo, profesor e xestor cultural, cun grao en Música e Teatro e un posgrao en estudos literarios pola Universidade de Barcelona).


Publicidade

Lluïsa Cunillé Salgado é, xunto con Josep Maria Miró Coromina, a segunda persoa en conseguir por terceira vez o Born. De pai catalán e nai galega, de Lobeira (Ourense), nacida en Badalona en 1961, Cunillé fundou en 1995, con Paco Zarzoso e Lola López, a Companyia Hongaresa de Teatre, e en 2008, con Xavier Albertí e Lola Davó, a Cía. La Reina de la Nit. Estreou máis de 40 obras e recibiu multitude de premios, entre os que destacan o Calderón de la Barca (1991) por Rodeo, ou o da Institució de les Lletres Catalanes (1996) por Accident. Tamén gañou o Premi Ciutat de Barcelona de les Arts Escèniques (2004) por Barcelona, mapa d’ombres, que tamén conseguiu o Premi Butaca e o Premio Max. Foi Premi Nacional de Teatre da Generalitat en 2007. E a primeira muller que recibiu o recoñecemento do Ministerio de Cultura co Premio Nacional de Literatura Dramática, a ano 2010.

Na Gala do Premi Born, celebrada no Teatre Des Born, púxose en escena O esboroamento da tenrura, a peza gañadora do ano pasado, con dirección escénica do seu propio autor, Luisma Soriano Ochando, nunha produción de Plataforma Conectada e Cía. Ferroviaria.

No acto de concesión do premio, Lina Pons, a presidenta do Cercle Artístic, no capítulo dos agradecementos, ademais de referirse ao xurado, ás persoas e entidades que se sumaron á campaña de micromecenaxe “Crec en el Premi Born” e ás institucións colaboradoras, nomeou tamén ás editoras  Arola, Artezblai e erregueté polo traballo de publicación en catalán, castelán, éuscaro e galego da peza premiada. E tivo unha especial lembranza para Pau Gener Torres, que foi presidente do Cercle Artístic, Joan Francesc López Casasnovas, membro da Sección de Estudos e un entusiasta seguidor do Premi Born, e Juanvi, que foi, até o ano pasado, xurado do Premi Born, ámbolos tres finados recentemente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TRANSFIXION 2 alta |

Fran Martínez estrea ‘Transfixión’ no Teatro Ensalle

Captura de Pantalla 2022 10 23 a las 18.42.24 |

O tempo, Cunillé e o can