O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo durante a mañá do mércores 11 de xaneiro, unha reunión de traballo cos directores dos conservatorios de Música e de Danza e das escolas de Arte e Deseño, Arte Dramática (ESAD de Galicia) e de Conservación e Restauración de Bens Culturais dependentes da Xunta de Galicia para analizar a posta en marcha de novas accións de impulso destas ensinanzas así como as repercusións da futura lei estatal de ensinanzas artísticas superiores que está tramitando o Goberno do Estado.
Tal e como avanzou o conselleiro, na xuntanza abordouse, principalmente, o novo texto lexislativo “que afecta de cheo a estas ensinanzas” e para o cal a Consellería propón unha serie de achegas ao documento base do Ministerio, xa que, polo de agora, non existe un anteproxecto de lei con articulado específico. Dende a Xunta afirman estar traballando nun abano de iniciativas concretas para impulsar, promocionar e darlle unha maior visibilidade ás ensinanzas artísticas galegas.
Equiparación ou inclusión na universidade?
Nos últimos anos, as distintas escolas veñen solicitando a nivel autonómico e estatal a inclusión das ensinanzas artisticas na universidade. Un debate entre a equiparación e a inclusión nos centros universitarios que actualmente parece seguir en activo.
O quince de marzo de 2010 nacía en Pontevedra a Plataforma Galega pola Incorporación das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade, na que confluían comunidades educativas de centros e sindicatos do ensino. Ao longo destes anos, a Plataforma Galega desenvolveu distintas accións para resolver un problema de raíz puramente académica, e fixo públicos diferentes manifestos nos que sempre propuxo solucións factibles, e o diálogo como vía para resolver un vello problema na ordenación da educación superior en todo o Estado. A erregueté, sumouse ás reivindicacións pola inclusión na universidade asinando unha declaración no ano 2017, como fixeron outras tantas institucións e asociacións galegas.
No que atinxe á nova lei estatal de ensinanzas artísticas superiores, a Xunta solicita actualmente a equiparación “efectiva” dos titulados nestas ensinanzas superiores cos titulados universitarios, “con igualdade de dereitos e de recoñecementos”. Compre sinalar que o Marco Español de Cualificaciones para la Educación Superior (MECES), que establece os distintos niveis de educación superior que existen no sistema educativo español, sinala a equivalencia das ensinanzas artísticas superiores coas dun grao universitario. Segundo explicou o conselleiro, “aínda que estes estudos están legalmente equiparados aos estudos universitarios, na práctica dáse unha contradición e os alumnos atópanse con limitacións en asuntos como o acceso ás becas do propio Ministerio ou a doutorados.
A Xunta mantén a súa posición de defensa da equiparación fronte a integración na universidade, pero apostando por unha equiparación que “sexa tamén real”, para o cal a nova lei debe recoller todas as ferramentas necesarias “para blindar estas garantías”, segundo sinalou Román Rodríguez.
Sinerxías co ámbito universitario
Ainda que non aposta pola integración na universidade, como solicitan históricamente as distintas comunidades educativas, a Xunta avoga porque se establezan sinerxías co ámbito universitario e que se cree un rexistro único de centros e universidades que imparten ensinanzas artísticas superiores. Así mesmo proponse que todas as plataformas de rexistro de títulos se estruturen atendendo ao nivel de grao ou superior e non separando ensinanzas universitarias e non universitarias. “O obxectivo, especificou o conselleiro, é poder operar nun marco común”.
Dende a Xunta, solicitan ao Ministerio que saquen adiante un texto lexislativo tendo en conta as achegas de todas as administracións implicadas e dos profesionais implicados. Tamén sinalan dende o goberno autonómico o “efecto negativo” da existencia de dous ministerios como son o de Educación e o de Universidades, “que deberían ir da man nun asunto coma este”.