Nace Juanito y Filomena con ReVolta e estréase na programación de Vigo Cultura o venres 10 de marzo de 2023. Eu funa ver o sábado 11. A Cía. Juanito y Filomena xorde agora, pero con ReVolta volven, outra vez, ao mesmo tipo de teatralidade que lles vin cando as comediantas Arantxa Treus e Rocío Romero formaban parte de Enconarte, aqueloutro proxecto que, hai poucos anos, partillaban con Deborah Vukusic.
ReVolta ten o aspecto dun show tabernario, asentado na vis cómica de Arantxa e Rocío e nunha baralla de sketches, orquestrados por Irene Moreira, nos que volven sobre algúns dos tópicos e consignas do feminismo, cun axuste de contas en varias frontes de loita: os premios e homenaxes que, a maioría das veces, recaen en homes, desde os Premios Nobel até os do cinema ou os do teatro, con ese teito de cristal para as mulleres, que se estende a moitos outros ámbitos; a revisión da historia escrita e protagonizada por homes, desde a prehistoria; as figuras de Eva e Lilith; a misoxinia das relixións monoteístas a través da Católica (deus é home); a queima de bruxas, un feminicidio histórico contra as mulleres sabias; a histeria feminina acuñada por Sigmund Freud, a quen acaban por acusar de “machista cocainómano traumado”; a muller durante a Ditadura, nos setenta, a través dos concursos de “Majas de España”; os puteiros e as redes de prostitución, coa figura de José Tojeiro o seu hit “Me echaron droja en el Cola Cao”; o mantemento do canon da muller obxecto que debe estar guapa, delgada, depilarse, non envellecer, a través do reconto de tratamentos cosméticos, nutricionais e deportivos das propias actrices; o testemuño delas mesmas sobre a diferenza de trato na adolescencia e na infancia por seren mulleres, ou o testemuño das súas nais, no ámbito da enfermería ou nun concurso de Mises.
Alén do axuste de contas, tamén celebran a emerxencia do feminismo coa liberación das mulleres nas revolucións sociais dos 60 e o “Me Too”, que se fixo viral como cancelo nas redes sociais na segunda década do XXI e celébranse a si mesmas con nós, neste espectáculo-festa.
ReVolta ten o formato dun show televisivo, cunha comicidade directa e explícita, na que as actrices amosan un abano de grazas, que van desde facer de primates, até realizar diferentes pantomimas, ademais bailan, falan entre elas e directamente ao público, micrófono en man.
No centro, curiosamente, un home, Alejandro Gayoso, protagoniza as transicións entre os diferentes números cómicos, como DJ e músico, dándolle, ao espectáculo, esa factura clubbing ou de show televisivo. Gayoso e a súa cabina de son permanecen dentro dunha especie de nicho, coma o dos santos, unha mandorla vermella, que tamén, segundo como se mire, Freud mediante, podería semellar a cavidade pélvica feminina, ou sexa, a cona. E só sairá de alí, ao final do show, para oficiar de camareiro e servirlles unhas cervexas ás actrices, que van sentar nunhas cadeiras de praia de costas ao público, que aplaudiu enérxica e militante cada sketch e que rendeu unha longa ovación final.
Un show cunha comicidade de estética “perralleira”, cun espírito irreverente próximo ao do entroido e unha caracterización que nunca constrúe personaxes en escena, senón que é como a dos carnavais menos preciosistas. Un show que pode lembrar ao agitprop theatre, no que se mestura cachondeo, chiste e reivindicación.