O Torneo de Dramaturxia de Galicia celebrou onte a súa sétima edición. O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela foi o escenario para representar este particular combate, no que, un ano máis, Esther F. Carrodeguas foi a mestra de cerimonias da gala. Catro recoñecidas dramaturgas e dramaturgos de Galicia batéronse na procura do voto do público. Finalmente, o premio foi para a actriz, escritora e directora ourensá Déborah Vukušić, cun texto titulado Musas do metal. Nesta ocasión, as actrices Marián Bañobre e Cris Iglesias foron as encargadas de poñerlle voz á historia.
Vukušić recoñeceu sentirse moi feliz polo premio recibido. Na entrega do galardón, dedicoullo ás actrices que interpretaron o seu texto, aínda que tamén fai extensible a dedicatoria a toda a xente que a apoia e, por suposto, aos seus pais.
Musas do metal é a historia da crise creativa dunha autora que, nun soño, esperta no Olimpo para poñer unha reclamación. Esta é a primeira vez que Vukušić participa como dramaturga, aínda que xa estivera noutras edicións do Torneo, como público e tamén como actriz.
Os outros textos que participaron neste Torneo foron: O inesperado encontro entre William Henry Gates III e o incerto señor Stephen William Hawking I, escrito por Manuel Cortés e lido por Fran Peleteiro e Eva Jáudenes; Os robots non saben abrazar, de Ana Abad de Larriva, lido por Martín Máez e Noa Covelo; e Uxhía ou a falta de amor, de J. L. Baños de Cos, que contou coa lectura das actrices Rocío Salgado e Marta Pérez.
Déborah Vukušić explica que competir con autores e autoras do nivel de Manuel Cortés, Ana Abad de Larriva e Baños de Cos “fai que dubides sobre o teu traballo e até sentes o ‘síndrome da impostora’”. A dramaturga salienta a importancia deste Torneo, como un “elemento fundamental da programación da Mostra. Xa é unha marca e sinal da súa identidade”.
O proxecto
Este proxecto, pioneiro en Galicia, está organizado pola MITCFC en colaboración con DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega, así como co Centro Dramático Galego. Nos últimos anos foise consolidando como unha aposta firme da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras/es e público.
A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega. Así mesmo, promove actividades de formación, edición de pezas teatrais e xera espazos de encontro e debate procurando, sempre, novas fórmulas que incentiven a posta en escena das dramaturxias galegas.