in ,

Preséntase a erregueté #105 e o libro coas obras de Gustavo del Río e Lluïsa Cunillé na MITCFC

O acto celebrase na Capela do Hospital de Cangas do Morrazo dentro da programación da MITCFC

'erregueté#105' e libro coas peza 'HUGO' e 'Mosca' de Gustavo del Río e 'O can' de Lluïsa Cunillé. Deseño: Javier Lojo
'erregueté#105' e libro coas peza 'HUGO' e 'Mosca' de Gustavo del Río e 'O can' de Lluïsa Cunillé. Deseño: Javier Lojo

A erregueté | Revista Galega de Teatro cumpre 40 anos en 2023 e presenta hoxe, xoves, 6 de xullo, ás 19h., na Capela do Hospital de Cangas do Morrazo, o seu número 105, correspondente ao primeiro semestre deste ano.

O acto enmárcase dentro da programación da 40ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

O foco principal  da revista, editada en papel e a toda cor, continúan a ser os espectáculos galegos de artes escénicas, independentemente do seu formato, xénero ou modalidade escénica. Non obstante, a revista non só dá conta do que acontece enriba dos escenarios coa súa nutrida sección de espectáculos, senón tamén do que se move ao redor deles, en seccións específicas como a de “Danza e artes do movemento”, na que saen dous artigos, un titulado “Idadismo e cuestións xeracionais na danza galega. Conversa con Amparo Martínez Paz e Marcia Vázquez”, que tivo lugar no I Ciclo Danza Pontevedra, organizado por Jorge Linheira; e o outro “Por que danza?” sobre distribución, realizado por Lilian Portela. A sección de “Artes circenses” con “A aventura do circo de carpa. Entrevista a Xandre Vázquez”. A sección de “Maxia e ilusionismo” con “Entrevista a Lore Lavand”. A sección “Monicreques e teatro de obxectos” con “Entrevista a Elvia Mante. Mulleres na arte dos títeres”. A sección “Escena aberta” na que aparecen traballos sobre os 50 anos de Abrente, cunha entrevista a Roberto Pascual; unha crónica do 4X4 Petite de Vigocultura; un artigo titulado “Colaboración do sector produtivo e o creativo”; unha entrevista á gañadora da segunda bolsa de dramaturxia do CDG, Ana Abad de Larriva, e a Irene Moreira, que vai levar a escena o texto gañador da bolsa; as 40 edicións da MITCF de Cangas; e unha crónica do Galicia Escena Pro 2023. A sección de “Libros”, na que se recensionan Chévere. 35 anos de axitación cultural de Chévere, Antoloxía do teatro galego de Cena Lusófona, Profetas de Ernesto Is, e As alumnas de Paula Carballeira. A sección “Actualidade AISGE” que nos achega á figura do actor ferrolán Javier Gutiérrez. E a sección “Proscenio”, na que podemos encontrar unha entrevista co núcleo do Teatro Ensalle de Vigo, que cumpre 20 anos, converténdose na sala independente galega máis lonxeva; e un artigo titulado “A situación da narración oral en Galicia. Entrevista a Soledad Felloza”.

No apartado de “Espectáculos” hai artigos sobre Un hotel de primeira sobre o río e Shakespeare en Roma do CDG, Universo Reich de Vertixe Sonora, co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, Pussy Cake e FRÁXIL: handle with care de Matarile, Bionic de Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, Linaje  de Descalzinhadanza, Vaivén de Marcia Vázquez,Coliño de A Xanela do Maxín, Heredarás el cosmos de Anómico Teatro, A cazola de Lola de Tanxarina, A nai de Amorodio Teatro, ReVolta de Juanito y Filomena, Mosca de Ártika Cía., Carabela de Galeatro, Afectos de Kirenia Danza, Vox Pópuli de Malasombra, e Morte accidental dun anarquista de Talía Teatro.

Colaboran no novo número da revista, escribindo, Ana Abad de Larriva, María Armesto, Afonso Becerra, Alberte Bello, Alba Blanco, Comba Campoi, Julia Canay, Esther F. Carrodeguas, Iván Fernández, Henrique Harguindey, Ernesto Is, Javier Lojo, Inma López Silva, María Move, Nieves Neira Roca, Roberto Pascual, Lilian Portela, Anna R. Figueiredo, ê Ariel Q. Sesar, Mila Valcárcel e Roi Vidal Ponte.


Publicidade

Ademais, o número 105 da revista vén acompañado do cuarto volume de dramaturxia actual, que publica dúas pezas de Gustavo del Río, pioneiras tematicamente no teatro galego: HUGO, protagonizada por un cativo que ten un trastorno do espectro autista, que gañou en 2022 tres premios ao Mellor Espectáculo, escenificada polo propio autor coa súa compañía Os Náufragos Teatro. Nos María Casares levou o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil e tamén gañou o de FETEN e o de Galicia Escena Pro dese ano. A outra peza é Mosca, estreada en 2023 por Ártika Cía. coa dirección do propio autor, Gustavo del Río, que trata sobre o acoso escolar e a homofobia. A erregueté tamén publica O can de Lluïsa Cunillé Salgado, a peza coa que gañou o prestixioso Premi Born de Teatre de 2022 do Cercle Artístic de Ciutadella (Menorca), nunha tradución ao galego de Afonso Becerra.

No acto de presentación deste xoves, 6 de xullo, ás 19h. na Capela do Hospital de Cangas, intervirán a dirección da revista, para presentar os contidos e liñas fundamentais da publicación, e Roi Vidal Ponte, membro do Consello de Redacción que está ao coidado da colección de libros de dramaturxia actual, que presentará, xunto a Gustavo del Río as pezas do volume, acompañados polos elencos de Os Náufragos Teatro, Jimmy Núñez e María Roja, e Ártika Cía., Fernanda Barrio, Rocío Salgado e Martín Maez, que ofrecerán cadanseu fragmento de HUGO e Mosca.

A erregueté#105 e o libro coas pezas HUGO e Mosca de Gustavo del Río e O can de Lluïsa Cinillé, contan co apoio da AGADIC da Xunta de Galicia, os Concellos de Vigo (Vigocultura), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro) e Lugo (Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua), a Fundación AISGE, o Festival Internacional de Narración Oral ATLÁNTICA, o Premi Born de Teatre do Cercle Artístic de Ciutadella de Menorca, a MITCF de Cangas, CRÉMILO Proxectos culturais e distribución de espectáculos e a Libraría Abrente de Bueu.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Torneo Deborah Vukusic

Deborah Vukusic gaña o VII Torneo de Dramaturxia de Galicia

'Isadora, Fala!' de Rita Lello. Foto: Ricardo Rodrigues

‘Isadora, Fala!’ de Rita Lello