in

Ás voltas co teatro comunitario

Foto: arquivo do grupo de teatro Comunitario A Comuna.
Foto: arquivo do grupo de teatro Comunitario A Comuna.

Chega setembro e con el as voltas; á escola, ás programacións culturais, ás rutinas persoais e tamén a nosa sección en forma de cita mensual, como a regra.

Pois ao pensar nos hábitos saudábeis lembrei que non escribín sobre o teatro comunitario, práctica que levo realizando dende hai moitos anos e que abordarei hoxe dende unha perspectiva informal e, como non, irreverente.

Maquino moito na substancia que ten o teatro comunitario que fai enganchar como a “drogaína” irremediabelmente a quen o coñece e practica, e acho que dei coa clave.

O teatro comunitario pon no centro a vida das persoas integrantes e descansa a súa organización e xestión dun xeito asembleario realmente horizontal e aberto, características que apoderan e comprometen ás persoas que o realizamos.

É unha deriva do teatro político que comparte características co teatro social, mais non é teatro social, fundamentalmente porque non existe unha condición específica que una ás integrantes, máis alá de pertencer á zona onde se realiza, o que Marcela Bidegain definiu como “teatro de e para a comunidade”.

Pois aí está o choio, que diríamos nesta barra de bar improvisada! Reorienta o concepto de compromiso e dálle unha volta, este é o motivo diferenciador co teatro amador. Ademais do seu vínculo co sector, posto que na súa organización adoitan traballar profesionais que axudan a que o resultado final do que se quere contar se presente aqueladiño, ben xeitoso, vaia.

O compromiso é unhas das ideas fundamentais do teatro e se fas teatro, sabes ao que me refiro. Sempre hai que estar nos proxectos coa base do compromiso ben clara. A ver, ho! Se na nosa profesión a palabra non vale, tiramos pedras sobre o noso tellado, para as titiriteiras a palabra é moeda de cambio, estamos feitas de palabra e son as verbas as que nos sosteñen, algo tan efémero como indeleble como a arte que louvamos.

O compromiso no comunitario establécelo ti co grupo, pero sobre as persoas que o practican non hai unha responsabilidade tan grande que faga que se unha persoa non pode asistir a unha función non poida levarse a cabo, porque non se constrúe no individual, senón no colectivo, a súa forza non emana dos egos, senón do encontro e iso ten unha potencia escénica abrumadora que o fai irresistíbel.

Nas voltas á rutina gosto de recuncar coa miña axenda militante e ese feito, no eido teatral, é retomar a práctica do teatro comunitario que me alegra todos os xoves da vida, porque achego o meu saber a un feito colectivo, un ben común que mellora a vida das persoas, tanto das que  practican como das que asisten ás funcións ou as  que colaboran no proceso, neses 360º que se producen neste tipo de teatro.


Publicidade

Agora, cando o ego é o imperialismo a frear, precisamos traer ao presente prácticas para o ben común e decatarnos de que as nosas vidas son escasa e relativamente importantes, por non dicir insignificantes para o urxente que é arranxar o lugar onde habitamos e unha das formas de participar nese desafío é o teatro político na súa forma comunitaria. Convidadas quedades, logo, a esta ronda que, como di a presidenta nos concertos (por se hai algunha almiña despistada, refírome a Sés), diolopaghe!

 

La vida voraz que se enreda

la vida que sale a jugar

la vida consciente que queda

la vida que late en el mar.

                              (Silvio Rodríguez. ‘La vida’ do álbum ‘Rodríguez’).

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Insubmisa 2

Antagonista Teatro estrea ‘Insubmisa’ no Carballiño

Cadaval Foto Miguel Muñiz (1)

Quico Cadaval celebra os seus trinta anos na narración oral