in ,

XLVIII Premi Born de Teatre 2023 para Miguel A. González

‘Y que nunca he llorado’ de Miguel Ángel González González faise co XLVIII Premi Born de Teatre 2023

As secretarias do Premi Born e a presidenta do Cercle Artístic de Ciutadella con Miguel Ángel González González, gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023. Foto: Cercle Artístic de Ciutadella.
As secretarias do Premi Born e a presidenta do Cercle Artístic de Ciutadella con Miguel Ángel González González, gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023. Foto: Cercle Artístic de Ciutadella.

Nunha cerimonia celebrada o sábado 21 de outubro de 2023, no Teatre des Born de Ciutadella de Menorca, a presidenta do Cercle Artístic de Ciutadella, entidade organizadora e promotora do Premi Born de Teatre, Lina Pons Massanet, e as secretarias do Premi Born, Rosa Gornés Gomis y Roser Garcia, deron a coñecer a obra gañadora da XLVIII edición, a que se presentaron 245 textos, procedentes de 23 países distintos.

O xurado da XLVIII edición do Premi Born, en 2023, decidiu, por unanimidade, concederlle este galardón a Y que nunca he llorado de Miguel Ángel González González.

Empar Canet, actriz de teatro, cine e televisión; Josep Ramon Cerdà, dramaturgo, director teatral, xestor cultural e profesor de lingua e literatura; Laurent Gallardo, profesor de estudos hispánicos e cataláns da Universidade de Grenoble Alps; Laura Pons, actriz de teatro, cine e televisión, e Jaume Gomila, filólogo, profesor e xestor cultural, licenciado en Música e Teatro e posgrao en estudos literarios pola Universidade de Barcelona, como xurado desta edición, sinalaron, respecto á obra gañadora, Y que nunca he llorado, a gran sensibilidade coa que reflexiona sobre a imposibilidade de escribir, o dominio do xogo entre a realidade e a ficción, a teatralidade minimalista grazas á que consegue transmutar o fracaso do creador nun profundo acto de escritura que celebra a fraxilidade humana da literatura, entre outros aspectos que demostran a calidade, eficacia e contundencia do texto.

Miguel Á. González (Madrid, 1982) é escritor e dramaturgo, facetas nas que obtivo moitos premios e aclamación da crítica. Compaxina o seu traballo literario con colaboracións xornalísticas en medios dixitais e impresos, e coa coordinación de obradoiros de creación literaria e clubs de lectura.

En 2016 publicou a novela Todos los miedos, editada por Siruela e gañadora da 65 edición do Premio Café Gijón. Posteriormente, escribiu Cariño (Alianza Editorial, 2018), que foi elixida como unha das dez mellores novelas do ano pola revista Forbes; Un nublao de tiniebla y pedernal (2021), coa que gañou o Premio Ciudad de Alcalá de Narrativa. E en 2022 publicouse Prolepsis, novela editada por Alrevés e galardoada co XXV Premio de Novela Ciudad de Badajoz.


Publicidade

En xaneiro de 2024 aparecerá a súa próxima novela, titulada Perder el equilibrio, que publicará Grijalbo, do grupo editorial Penguin Random House.

Como dramaturgo tamén foi recoñecido co Premio Fray Luis de León e o Premio Max Aub. Os seus textos teatrais representáronse en diferentes teatros de España, Arxentina, México e Estados Unidos.

Dentro dos actos do XLVIII Premi Born de Teatre 2023 incluíse, o venres, 20 de outubro, na Sala Jeroni Marquès do Cercle Artístic de Ciutadella, a presentación das edicións da peza gañadora do ano pasado, El gos de Lluïsa Cunillé Salgado, traducida ao galego por Afonso Becerra de Becerreá e publicada no volume número 4 da colección de dramaturxia contemporánea da erregueté. No acto, presentado polas secretarias do Premi Born de Teatre, Rosa Gornés Gomis y Roser Garcia, interviron Carlos Gil, director de Artezblai e editor da obra en castelán e éuscaro e Afonso Becerra, director da erregueté.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Miguel Ángel González González (Madrid, 1982), gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023, pola obra 'Y que nunca he llorado', con Rosa Gornés Gomis, Roser Garcia e Lina Pons Massanet. Foto: Afonso Becerra

O Premi Born é máis ca un premio

Laura Albasi e María Prado no MicroEscena Lab. Imaxe de María Fariñas.

MicroEscena Lab