in

O Premi Born é máis ca un premio

Miguel Ángel González González (Madrid, 1982), gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023, pola obra 'Y que nunca he llorado', con Rosa Gornés Gomis, Roser Garcia e Lina Pons Massanet. Foto: Afonso Becerra
Miguel Ángel González González (Madrid, 1982), gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023, pola obra 'Y que nunca he llorado', con Rosa Gornés Gomis, Roser Garcia e Lina Pons Massanet. Foto: Afonso Becerra

Volvemos a Ciutadella de Menorca para celebrar o XLVIII Premi Born de Teatre 2023, que promove o Cercle Artístic desa cidade. Alí presentamos, o venres 20 de outubro, Carlos Gil e máis eu as edicións da peza gañadora do ano pasado, El gos de Lluïsa Cunillé Salgado. O colega e amigo Carlos Gil presentou a tradución castelá, El perro, feita pola propia dramaturga, e a tradución ao éuscaro, Txakurra, feita por Aizpea Goenaga, ambas publicadas por Artezblai. Eu presentei a tradución ao galego, O can, publicada no volume 4 da colección de dramaturxia contemporánea da erregueté. Alén de comentar brevemente algunhas das peculiaridades do texto da Cunillé, que semella unha ficción alegórica sobre o sentido da vida, sobre a soidade e, claro, sobre a educación como base da construción do ser humano e os seus afáns e xeitos de relacionarse, quixen ler en galego, para as persoas que nos acompañaban na Sala Jeroni Marquès do Cercle Artístic, o comezo do texto. Unha especie de ritual de bautismo laico da peza de Lluïsa Cunillé Salgado, na lingua da súa nai galega.

Afonso Becerra, Carlos Gil, Rosa Gornés Gomis e Roser Garcia. Foto: Esperança Pons.
Afonso Becerra, Carlos Gil, Rosa Gornés Gomis e Roser Garcia. Foto: Esperança Pons.

Foi con Esperança Pons, como presidenta do Cercle Artístic, con quen as pezas gañadoras, a partir de 2006, con Origami de Carlos Be, comezaron a ser publicadas nas catro linguas oficiais do Estado español. Un dos impulsores desta iniciativa fora o amigo Pepe Henríquez, a quen tanto botamos de menos, e que, daquela, era Xefe de Redacción da revista Primer Acto, onde se publicaban as obras que gañaban o Born de Teatre, en versión orixinal, se o texto gañador estaba en lingua castelá, ou na súa tradución castelá, no caso de que o orixinal gañador estivese en catalán. Ao Premi Born de Teatre poden presentarse textos en lingua catalá ou castelá. Así pois, Henríquez debeu pensar, daquela, que un galardón tan prestixioso merecía ampliarse, publicando o texto gañador nas catro linguas oficiais, polos anos que se levaba convocando, polo coidado que a organización poñía, pola nómina das persoas que integraban o seu palmarés, con nomes fundamentais da dramaturxia contemporánea, pola cantidade de exemplares presentados desde diferentes latitudes do planeta, neste ano 2023, por exemplo, 245 textos recibidos desde 23 países diferentes, e, claro, pola súa dotación económica, daquela eran vinte mil euros, fronte aos catorce mil aos que tivo que reducirse a partir da crise económica.

A cultura sempre abrindo camiños que a política, moitas veces, non é capaz de abrir.

Despois da presentación dos catro libros: El gos de Arola Editors, Txakurra de Artezblai, O can de erregueté, e El Perro de Artezblai, e das palabras introdutorias e de benvida das novas secretarias do Premi Born, Rosa Gornés Gomis e Roser Garcia, a expresidenta do Cercle Artístic, a amiga Esperança Pons, ofreceunos unha homenaxe a Joan López Casasnovas, unha das persoas que formaban parte do Cercle Artístic, que participara como membro do xurado do Premi Born en diferentes anos e que sempre viña a todos os actos do Premi. Tamén o botamos moito de menos, desde o ano pasado 2022, en que xa non o encontramos. Joan López Casasnovas era unha persoa desas sabias, que se achegaban a saudar e a falar con un e con cuxa conversa eu sempre desfrutaba. Unha persoa sen poses, culta e sensible, bo conversador, cunhas conviccións políticas decididas, pero cunha actitude aberta, respectuosa, simpática e até tenra.

Esperança Pons, Anna Mesquida Moll, Rosa Gornés Gomis e Roser Garcia. Foto: Afonso Becerra.
Esperança Pons, Anna Mesquida Moll, Rosa Gornés Gomis e Roser Garcia. Foto: Afonso Becerra.

No acto deste venres 20 de outubro, Anna Mesquida Moll fixo unha conferencia sobre Joan, a partir do seu Traballo Fin de Grao en Filoloxía Catalá, realizado na Universitat de les Illes Balears. Escoitándoa decateime de que Joan fora Conselleiro de Cultura do Govern de les Illes Balears e tamén poeta, cunha obra na que a paisaxe humana se funde e se nutre da paisaxe natural das illas e, concretamente, de Menorca. Eu sabía que o Joan fora profesor e que fixera unha intensa labor en pro da normalización da lingua catalá, pero non coñecía esoutros aspectos cos que puiden entender aquela personalidade tan rica.

Xa no sábado 21 de outubro, soubemos que o xurado da edición número 48 do Premi Born de Teatre 2023, integrado por Empar Canet, actriz de teatro, cine e televisión; Josep Ramon Cerdà, dramaturgo, director teatral, xestor cultural e profesor de lingua e literatura; Laurent Gallardo, profesor de estudos hispánicos e cataláns da Universidade de Grenoble Alps; Laura Pons, actriz de teatro, cine e televisión; e Jaume Gomila, filólogo, profesor e xestor cultural, licenciado en Música e Teatro e posgrao en estudos literarios pola Universidade de Barcelona, lle concederan, por unanimidade, o galardón á obra titulada Y que nunca he llorado de Miguel Ángel González González (Madrid, 1982).

Jaume Gomila, Empar Canet, Laurent Gallardo e Josep Ramon Cerdà. Foto: Afonso Becerra.
Jaume Gomila, Empar Canet, Laurent Gallardo e Josep Ramon Cerdà. Foto: Afonso Becerra.

Miguel Ángel veu acompañado pola súa filla Daniela, de seis anos de idade, para recoller o premio, tal como, segundo me comentaron, abraiados, algúns membros do xurado, fai o personaxe protagonista da súa peza, que gana un premio e é acompañado pola súa filla pequena, que será quen nos conte a historia dese pai escritor, que non soubo ou non puido lidar co binomio éxito e o fracaso.

Na acta que leu Laurent Gallardo, sinálase: “a gran sensibilidade coa que reflexiona sobre a imposibilidade de escribir, o dominio do xogo entre a realidade e a ficción, a teatralidade minimalista grazas á que consegue transmutar o fracaso do creador nun profundo acto de escritura que celebra a fraxilidade humana da literatura, entre outros aspectos que demostran a calidade, eficacia e contundencia do texto.”


Publicidade

Miguel Ángel, na cerimonia da entrega do premio, no Teatre des Born, fixo un discurso distendido, alegre, no que se podía percibir a un escritor feliz coa obra que presentara ao Premio, despois de ter presentado outras e de bromear dicindo que el tiña xa unha longa carreira como perdedor do Premi Born de Teatre e que, por tanto, agora aínda desfrutaba moito máis do que lle estaba a acontecer.

Desde a “llotga”, o balcón, Daniela aplaudía moi contenta ao pai, quen desde o escenario nos dicía que estivera ensaiando coa filla o discurso, e que ela lle escribira nunha libreta as tres partes das que debía constar para que non se perdese. O público, ao saír, quen pasaba polo lado do noso balcón número 5 do primeiro piso do teatro, miraba para Daniela, que levaba un bolígrafo de purpurina multicolor con forma de serea, e eu ía dicíndolle ao público: velaquí quen lle escribiu o discurso ao gañador, e toda a xente lle daba os parabéns á nena. E aínda o pasamos ben.

Nesa mesma noite, no Teatre des Born, asistimos á estrea de El gos de Lluïsa Cunillé Salgado, na produción de Amici Miei, coa dirección de Albert Arribas (tamén prologuista da obra nas catro edicións), e a interpretación de Albert Prat e Albert Pérez. Os tres Alberts ofrecéronnos unha escenificación moi intelixente e eficaz, porque non se cingue a un estilo de drama realista, senón que xoga, teatralmente, co texto da Cunillé, de tal xeito que, malia o posible realismo da primeira parte: “Kérberos (Primeira variación)”, no diálogo entre o HOME e o RAPAZ, na segunda parte: “Orthós (Segunda variación)”, a voz do can contándonos a súa odisea, non podería funcionar desde as convencións do teatro dramático realista.

A escenificación mantivo, toda a hora e cuarto que durou, a atención do público, podía notarse como todo o mundo non lle quitaba ollo ao escenario. O espectáculo mantén o misterio que latexa no propio texto e fainos sentir que alí pasa algo máis do que se di e do que se ve.

Foto: Afonso Becerra.
Foto: Afonso Becerra.

Curiosamente, en El gos, a asunto do fracaso tamén asoma, como un lobo, as orellas, ou o fociño, algo que, polo que comentaron de Y que nunca he llorado de Miguel Ángel González González, tamén acontece coa gañadora deste ano.

Así que, o Premi Born de Teatre é máis ca un premio, é todo un mundo.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fronterizas © Aureo Gomez

‘Fronterizas’ pecha en Santiago a quinta edición de Camiño Escena Norte

As secretarias do Premi Born e a presidenta do Cercle Artístic de Ciutadella con Miguel Ángel González González, gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023. Foto: Cercle Artístic de Ciutadella.

XLVIII Premi Born de Teatre 2023 para Miguel A. González