in , ,

‘Fronterizas’ pecha en Santiago a quinta edición de Camiño Escena Norte

O Museo do Gaiás acolle a función da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance

Fronterizas © Aureo Gomez
'Fronterizas'. Imaxe de Áureo Gómez.

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, despídese do público esta fin de semana, co espectáculo Fronterizas, da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance. Será cunha función hoxe ás 19.00 horas, no Museo do Gaiás.

Fronterizas é unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) na que se abordan temas como a loita, o cansancio ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas vislumbra un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza, Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019).

A construción dramatúrxica rompe coa linguaxe e o corpo da artista para transportar o público a unha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora ateigadas de simbolismos e reflexións. “Fronterizas é unha obra decolonial, non polo seu discurso, mais si porque pon en escena un corpo transmundano que desexa desestabilizar as lóxicas da produción”, explica Mari Paula.


Publicidade

Ao finalizar a función, Andrea Quintana e Gena Baamonde, da compañía galega VACAburra, acompañarán a Mari Paula nun encontro co público. Previamente, a coreógrafa participou nun encontro co alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida do CEN, nunha iniciativa que permite pór en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Prima Facie

O FIOT acolle esta fin de semana varias estreas en Galicia

Miguel Ángel González González (Madrid, 1982), gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023, pola obra 'Y que nunca he llorado', con Rosa Gornés Gomis, Roser Garcia e Lina Pons Massanet. Foto: Afonso Becerra

O Premi Born é máis ca un premio