Na vida o tempo pasa rapidamente, tempus fugit. Ou iso parece, especialmente na era da “multitarefa” de produtividade e consumo desenfreados. Tamén acontece rapidamente cando facemos o que nos gusta. “Que veinte años no es nada”, din na famosa canción. Pero, palabra de galego, todo depende. Vinte anos para un teatro independente, que aposta pola creación contemporánea e as propostas non convencionais, nun entorno adverso, como é o da cidade de Vigo, son moito. Refírome ao Teatro Ensalle que, no seu 20 aniversario, vén de ser recoñecido co Premio da Crítica de Galicia das Artes Escénicas 2023. Parabéns e grazas, Raquel Hernández, Pedro Fresneda e Artús Rei, núcleo de Teatro Ensalle.
O paso do tempo tamén depende e pode converterse nunha tarefa heroica para manter, por exemplo, unha compañía de danza, nun ámbito como o galego, onde a danza segue a ser a máis marxinada e minorizada dentro do precario eido das artes escénicas. En 2023, Nova Galega de Danza (NGD), dirixida por Jaime Pablo Díaz, cumpre vinte anos e celébrao con ‘Berro’, a súa oitava produción, coreografada e dirixida por Sharon Fridman.
‘Berro’ implica tamén, dende o meu punto de vista, unha inflexión na carreira de NGD, esa compañía que, en 2003, coa súa triloxía inicial: ‘Alento’ (2003), ‘Engado’ (2006) e ‘Tradición’ (2008), supuxo unha renovación ou modernización da danza tradicional galega, seguindo o ronsel da música tradicional galega que, a finais do século pasado, acuñou a etiqueta de “música celta”, levándoa aos escenarios internacionais cunha imaxe e un son frescos, cheos desa vitalidade exuberante que emana da nosa paisaxe verde e das súas forzas telúricas.
NGD sería á danza o que a chamada “música celta” era á música tradicional ou “folk”. O baile tradicional con vaqueiros e sen camisa, por exemplo, era impensable antes de NGD, así como transgredir os roles de xénero nos dúos, etc. Aínda que todo iso dos roles de xénero, como me explicou no seu día Mercedes Peón, xa estaba no fondo da nosa tradición, manipulado, a posteriori, polas políticas de mercado global, pola ríxida moral da Ditadura e, bastante antes, pola cristianización de rituais e crenzas animistas, panteístas e dunha sexualidade e sensualidade sen tantos lindes.
En todo caso, nas sete pezas de NGD: ‘Alento’ (2003), ‘Engado’ (2006), ‘Tradición’ (2008), ‘Dez’ (2013), ‘Son ‘ (2016), ‘Leira’ (2020) e ‘Credo’ (2022), a presenza dos estilos de baile tradicional era patente. Unha presenza impetuosa, desatada, levada cara a un ambiente máis teatral e cun selo estético inconfundible, onde a beleza e plasticidade da imaxe, a través das composicións coreográficas, a iluminación e, nalgúns casos, os elementos escenográficos, eran moi coidadas.
Creo que, musicalmente, tamén houbo unha evolución, dende as primeiras pezas, que incluían músicos no escenario, que podían participar no baile, ata as composicións con máis instrumentación electrónica e as creacións orixinais de Sergio Moure de Oteyza. Así, a grandes trazos, paréceme que, en canto á danza, NGD se atreveu pouco a pouco a ser máis creativa no que atinxe ao movemento, aínda que sempre foi fiel á base do baile tradicional. Lembro especialmente o diálogo entre o flamenco, o tradicional galego, a danza española e a danza contemporánea en ‘Son’ (2016), e tamén un maior peso da dramaturxia. Aquel espectáculo celebrou a creación comunal de catedrais e outros monumentos de pedra, a partir dunha recreación en danza dun obradoiro de escultura. Tamén en ‘Leira’ (2020) danza tradicional dialogaba coa danza contemporánea.
Porén, en ‘Berro’ (2023), Sharon Fridman leva a NGD cara un terreo no que a deconstrución da danza tradicional, articulándoa e segmentándoa, para xogar e recompoñer os seus detalles, o traballo de brazos e mans, pernas e pés, nos ofrece unha viaxe máis conceptual, que por momentos roza a abstracción. Un tratamento, sen dúbida, de liberación coreográfica, fronte aos xustillos que implican todos os estilos e paus de calquera tradición. Pero, ademais, a alegría é suprema cando o desafío á forza da gravidade se combina cos equilibrios en contacto, unindo os corpos dun xeito moi fermoso, nunha comunidade entre o pictórico e o escultórico. Hai neste coro unha fonda homenaxe ao pobo como comunidade, fronte aos protagonismos individualistas. Fridman traballa cunha especie de técnica, chamada INA (Contact INcreation), que parece facer dependentes, apoiados e coidados os movementos individuais polo contacto dos corpos. Ademais, toda esa materialidade e presenza corporal, tan evidente na danza tradicional, queda aquí desmaterializada pola luz e as sombras, que converten os corpos en figuras ou siluetas, que os seccionan e articulan. Así, os xogos ópticos teñen unha especial relevancia no feitizo que xera este ‘Berro’. Un feitizo que tamén deriva das musicalidades diverxentes ou disxuntivas dos corpos, en contraste coa música fascinante de Oteyza.
Está claro que vinte anos son algo e, na danza, suman, enriquecéndoa. E se non, que llo digan a Carmen Werner, que en 2023 cumpre setenta anos e estrea unha nova peza, titulada ‘1953’.
Que bonito ter cumprir anos deste xeito! Parabéns, de novo, Teatro Ensalle de Vigo, Nova Galega de Danza, Carmen Werner…