Iván Fernández Diéguez vén de ser distinguido co Premio Fin de Carreira de Ensinanzas Artísticas Superiores en Arte Dramática, na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia, cursada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Ignacio Illán Sastre acadou o Premio Extraordinario de Ensinanzas Artísticas Profesionais en Danza, na especialidade de Danza Contemporánea, cursada no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Ambas distincións foron concedidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a unha ducia de estudantes das modalidades de Ensinanzas Artísticas Superiores e Profesionais de Galicia.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores e dos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño.
No caso dos galardóns de fin de carreira, recoñecen o labor do alumnado que rematou brillantemente os seus estudos conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2022/23, nos centros dependentes da Xunta de Galicia.
Tal e como recolle a orde de convocatoria, as persoas premiadas reciben unha dotación económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, certificando que se trata do estudante que conta co mellor expediente académico de entre aos solicitantes.
No que atinxe aos premios extraordinarios, distinguen o traballo de alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2022/23. Para acceder a estes galardóns, os candidatos debían ter unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos. Neste apartado, Ignacio Illán Sastre acadou o Premio Extraordinario no ámbito da danza, dentro da especialidade de danza contemporánea, cursada no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
De acordo co establecido na convocatoria, os estudantes premiados reciben un galardón de 1.000€ e un diploma acreditativo.