in

Adeus 23

Balance das artes escénicas galegas en 2023

Imaxe 'MENU-DO DÍA' de ChamizoBelloVila. Foto: Diego Seixo. 40 MITCF Cangas.
Imaxe 'MENU-DO DÍA' de ChamizoBelloVila. Foto: Diego Seixo. 40 MITCF Cangas.

Hai o costume ou a tradición non só de facer os balances económicos nas empresas, senón tamén os balances do que deu de si o ano en diferentes ámbitos. Ao final, parece que, en todas as áreas humanas, hai que facer as contas. Por moi progresistas que queiramos ser, acabamos por sucumbir á enxurrada dos costumes e tradicións, incluso cando non fai falta, ou si.

Que necesidade, pregúntome eu, hai de facer balance das artes escénicas cando remata un ano? Non son as contas dunha empresa, ou si?

Porén, se cadra, non se cadran as contas, senón se cadra como quizais, como tal vez, como se callar… facer balance pode servir para aprender algo, xa que ao “volver la vista atrás / se ve la senda que nunca / se ha de volver a pisar”. E, sendo así, xa que non nos imos volver bañar no mesmo río, polo menos, morriña aparte, que saibamos nadalo mellor e o desfrutemos máis para o vindeiro.

Tamén me chamou sempre moito a atención o éxito que teñen os balances de fin de ano. Iso de rememorar o mellor do ano. E, se fósemos máis arriscados, incluso rememorar o peor. A min paréceme igual de atrevido e de controvertido, por exemplo, establecer cales foron os mellores espectáculos do ano nas nosas artes escénicas. E non che digo nada se nos poñemos a pensar en cales foron os peores. Iso ía traernos problemas e inimizades, e isto, se cadra, tamén.

É evidente que o mellor ou o peor, no noso ámbito, supoñería establecer uns criterios de valoración e avaliación artística a varios niveis e, despois, confrontarse coa marxe de relatividade e subxectividade do gusto, aínda que o gusto nunca é gratuíto nin libre. O gusto edúcase, cultívase, trabállase, depende do que vemos e ouvimos, do que lemos, do que experimentamos, en resume, do que comemos e bebemos. Somos o que comemos e bebemos, en artes escénicas tamén.

Como especialista en artes escénicas do Diario Cultural da Radio Galega, pedíronme que fixera balance do que deron de si neste 2023 que despedimos. E eu asumín o reto con excitación e alegría. Resumir nuns dez minutos de radio o que deron de si as artes escénicas non só é unha temeridade, senón tamén un exercicio case de inconsciencia e de tolemia.

Fixen unha listaxe con todas as noticias de estreas que chegaron á redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro durante o ano, tamén lle botei un ollo ao que se estreou nos diferentes festivais, visitei as páxinas web dalgunhas compañías e volvín mirar as miñas redes sociais, nas que anoto as primeiras impresións de todos os espectáculos que fun ver. Saíame unha lista enorme, que de ningunha maneira podía entrar en dez minutos de radio, nin sequera nun balance. Porque iso do balance, penso eu, deberá ter algún tipo de “balance”, na acepción inglesa, ou sexa, de equilibrio. Total, que para atallar tal cantidade de espectáculos decidín cortar polo san, como di a expresión castelá, ou vai ti saber se o que fixen foi, ao revés, cortar polo insán.

Primeiro, cheguei á conclusión de que a nivel nacional, ou sexa: en Galicia, hai unha rica cantidade de creación de espectáculos, pero que non está acompañada pola programación dos teatros públicos. Porque eu, que vivo na cidade con máis habitantes de Galicia e das que máis potencia económica teñen, perdín moitos dos que se estrearon en 2023. Perdinos porque a maioría non estiveron nos teatros de Vigo e os que estiveron fixérono só un día ou como moito un par de días, igual que acontece en todas as cidades e vilas grandes galegas. A nivel estatal iso non acontece, por exemplo en Madrid ou Barcelona, onde os espectáculos fican durante un tempo considerable nos teatros e se non podes ir un día, vas outro, e onde, ademais, funciona o boca/orella. Se cadra, nas cidades galegas non dá para que estean un mes enteiro ou máis nun teatro, non o sei, pero que só estean un día ou como moito dous, iso non axuda nadiña. Os concellos deberían implicarse un pouco máis nisto. Se cadra unha Lei de Artes Escénicas que regulase uns mínimos non estaba demais.

Por outro lado, facendo a listaxe, confirmei unha asimetría nas modalidades escénicas: moi pouca programación regular de teatralidades posdramáticas, de aquel teatro que non representa historias e tamén de danza e de artes circenses. Aquí, no que atinxe á programación destas dramaturxias menos convencionais, non damos despegado. Porén, no que se refire á creación, hai artistas e compañías que non se renden e continúan a facer pezas de creación contemporánea en danza, teatro e circo, aínda que só teñan un par de funcións.

Espazos de programación regular de danza contemporánea, como o Teatro Rosalía de Castro da Coruña e o seu TRC Danza, ou o Teatro Ensalle de Vigo, merecen especial atención. En 2023 o Teatro Ensalle de Vigo levou o Premio da Crítica de Galicia en Artes Escénicas.

Total, volvendo ao balance, ao final decidín escoller o criterio da excepcionalidade. Pensei, cales foron os espectáculos que puiden ver este ano que rematou, que romperon, dalgún xeito, os esquemas e os canons? Cales foron os máis raros ou os máis inhabituais, entre os estreados en 2023?

Comecei por pensar nun xénero de moi pouca colleita en Galicia, por razóns longas de explicar agora, a ópera, e quixen poñer en valor Oca, que, se non me equivoco, é a primeira ópera para a infancia, con música do compositor Juan Durán e texto e dirección escénica de Gloria Rico. Unha peza, ademais, feita para ser interpretada por nenas e nenos, baseada no xogo da oca, tomado como viaxe iniciática pola vida. Estreouse o 13 de decembro no Teatro Colón da Coruña, dentro da Temporada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña.

Tamén botei un ollo ao inicio de 2023 e vin que arrincou cunha proposta de alto compromiso humanista, asumindo o risco de entrar en temas moi complexos, como o acoso escolar e o intento de suicidio dun menor de idade. Se non me equivoco, trátase da primeira obra galega que aborda eses temas, refírome a Mosca de Ártika Cía., con texto e dirección de Gustavo del Río (o texto está publicado na colección de Dramaturxia Contemporánea da erregueté), estreada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 13 de xaneiro.

Nunha onda semellante, no que atinxe ao compromiso social e político, e fóra dos canons e convencións habituais do teatro ou da danza, se cadra máis próxima da performance, aló polo medio do ano, e logo dun percorrido de residencias en diferentes fases de proceso e de dous premios, no FITO de Ourense (Certame 67 Graos Ourense Fervescénica) e no FIOT de Carballo (Metro Cadrado), estreouse MENU-DO DÍA do Colectivo ChamizoBelloVila, en coprodución coa 40 MITCF de Cangas, foi o sete do sete de 2023 na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela. Un puñazo estético, non exento de humor, contra as violencias que sofre o colectivo LGTBIQ+.

Tamén o Centro Dramático Galego se saíu dos moldes, ao pouco de comezar o ano, coa estrea, o 9 de febreiro no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Compostela, de Shakespeare en Roma, atrevéndose co xénero, case nunca transitado en Galicia, da traxedia e co tema bélico. Ademais, perpetraron a fazaña de meter en dúas horas catro traxedias de Shakespeare, con catro dramaturgas, catro equipas de dirección, e un elenco de oito actrices e actores que representaban 47 personaxes. E, se non me equivoco, foi a primeira vez que unha montaxe galega acudía ao Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida.

Tampouco se quedou atrás o CDG co díptico sui generis Canta máis luz, máis sombra, xunto á Compañía Nacional de Teatro de México, desendeusando a Rosalía de Castro e a Sor Juana Inés de la Cruz, nunha especie de instalación teatral e musical, coa dirección de Fran Núñez (CDG) e Aurora Cano (CNTM). A estrea foi no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, o 24 de marzo, dentro do ciclo Clásicas Desfeitas.

Outro fito deste ano foi a primeira vez que se levou a escena a literatura dramática da gran poeta Xohana Torres. Encargouse diso tamén o CDG, coa dirección, neste caso, de María Torres e Gonçalo Guerreiro (da Cía. Elefante Elegante), para xogar con Un hotel de primeira sobre o río, estreada no Salón Teatro de Compostela, o 31 de marzo.

E na última parte do ano, o CDG aínda deu o do de peito coa coprodución co Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, co Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e co Teatro Nacional São João do Porto, ao estrear no Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo, o 10 de novembro, Manuela Rey Is In Da House, con dirección e dramaturxia de Fran Núñez. Unha recuperación da figura dunha actriz histórica, que morreu moi nova, celebrando a súa xenialidade, nunha homenaxe, tamén, ao oficio actoral.


Publicidade

En circo, Natalia Outeiro “Pajarito”, demostrounos que é a raíña dos pallasos co seu solo Isolada que, en 2023, estreou a súa versión de sala, dentro da programación de Vigocultura, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, o 13 de outubro. Un xogo divertido coa recepción, no que o apoderamento feminino se fai a través dun humor con diferentes capas.

En danza asistimos tamén á conxunción política e estética, de alto compromiso ético e social, na estrea de Afectos de Kirenia Danza, dentro da novena edición do festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura. A peregrinación vital e as persoas migrantes como eixo dunha proposta de danza contemporánea que se desborda polo lado da poesía e do teatro.

Tamén asistimos á celebración do 20 aniversario de Nova Galega de Danza con Berro, estreada no Pazo da Cultura de Narón, o 30 de setembro. Coa dirección e coreografía de Sharon Fridman, a base de baile tradicional ficou deconstruída cara a unha danza máis conceptual e abstracta, na que, no entanto, continúa a bater o ímpeto das orixes e o retrato alegórico da matria galega.

Tamén rebordou Vaivén de Marcia Vázquez, estreada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o 12 de maio. A súa primeira peza extensa para sala, na que o mar se transmuta en movemento coreográfico dunha maneira hipnótica.

No formato da peza breve de danza contemporánea, Nuria Sotelo e Clara Ferrão estrearon no Galicia Escena Pro, o 31 de maio, Vestirme de ti, na que a danza pon de relevo a importancia do relacional, dos apoios, do xogo en vivo e en directo.

Fóra das convencións tradicionais da ficción teatral, Ana Vallés e Matarile estrearon Fráxil: handle with care, na novena edición de Escenas do Cambio, no Salón Teatro de Compostela, o 5 de maio. Un espectáculo de grande arroubo estético, emocional e filosófico sobre a vulnerabilidade humana e a súa potencia poética.

E non podo esquecer tampouco esa revisión lúdica e mítica da historia de Galicia, realizada por Quico Cadaval en O Auto do Castromil de Manuel María, que se estreou na 39 MIT Ribadavia, no Auditorio do Castelo, o 23 de xullo. Un espectáculo multidisciplinar, un xoguete cómico, que nos dá a oportunidade de ver ao personaxe alegórico de Galiza, que malia presións e indecisións, aí segue, rexa e difícil de conquistar.

E, xa para rematar, ficando curto, por unha banda, porque deixo traballos importantes sen nomear, e pasándome, pola outra, por atreverme a escribir isto, gustaríame lembrar a quen, para min, foron os dous enfants terribles do teatro galego deste 2023: Baltasar Patiño e AveLina Pérez.

O primeiro, Baltasar Patiño, estreou a comezos de ano o controvertido Pussy Cake, de Matarile, no Teatro Principal de Compostela, o 26 de xaneiro. A peza máis desgarradora a todos os niveis: perfomativo, visual, lumínico, sonoro e temático, das que eu teño visto no teatro galego. Sobre esta peza, quero recuperar as palabras da escritora e profesora Rexina Vega, que están abertas no seu Facebook:

“Quedei abraiada, golpeada, descentrada, este, como indica o compañeiro Afonso Becerra é un dos espectáculos máis arriscados do teatro feito desde aquí. Unha sucesión de desgarros cun ritmo trepidante, nada ao que agarrarte, os corpos rompendo sen piedade o discurso. Nada que pensar, todo que pensar. Hai que resistir ou crebar. Todo ou nada. Unha aposta tremendamente radical na que, curiosamente, nin minimamente se albisca algo do que, demagoxicamente, foi exposto pola actriz que deixou o espectáculo. Isto non vai de consignas estúpidas, de nós inclusivos e prefascistas. Isto vai de atreverse a mirar como se fragmenta a identidade, “Non son eu”, dicía o libro de Estrella de Diego sobre autobiografía e perfomance no que, por certo, se analiza moi polo miúdo a obra de Francesca Woodman, figura sobre a que pivota Pussy Cake.

“Nunca se está a salvo mientras se mira. Me miro y no soy yo”, di de Diego.

Ide, por favor, a vela e esquecede os marcos puritanos que nos están levando á distopía.”

E AveLina Pérez é a outra enfant terrible, no sentido orixinal da expresión, aínda que, seguramente, esa non teña porque ser nin a súa intención nin a súa actitude, senón só a miña ollada. A finais de 2023, estreou Desde ese silencio no Teatro Ensalle de Vigo, o 25 de novembro. A única proposta pos-espectacular do teatro galego deste ano, para 10 espectactores, espectatrices, arredor da acción de escoitar, nun contexto de proximidade e atención. Onde o único extraordinario – no sentido de espectacular – eran as súas palabras, dun humor afiado, deses que rascan, asombran e espertan simpatía á vez. Unha revolución contra as revolucións que poden ser compradas pola voracidade do mercado, tanto do global como do teatral. Un escándalo, paréceme a min, se acontecese noutro espazo en vez de no Teatro Ensalle.

En definitiva, foi un ano movidiño, de grande cantidade e diversidade, no que tampouco faltou calidade. Un panorama rico, con algunhas alfaias que nos colocan na vangarda das vangardas, ou como lle queiramos chamar a aquilo que non só gusta e divirte, senón que tamén move, conmove e perturba.

Para o 2024, saúde, paz e artes escénicas!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de 'Tres Mistos', o Traballo Fin de Estudos de Iván Fernández Diéguez, na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia na ESAD de Galicia. Curso 2022/2023.

Iván Fernández gaña o Premio Fin de Carreira en Arte Dramática e Ignacio Illán o Premio Extraordinario de Danza

Foto: Geraldine Leloutre

Iribarne