A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), vén de publicar as bases da convocatoria anual de axudas ás actividades de distribución para industrias culturais, a través das que contribúe a potenciar a proxección exterior da música e das artes escénicas galegas cun investimento de 600 000 euros. A cantidade total increméntase en 140 000 euros, un 30 % máis que en 2023. Esta dotación distribúese a partes iguais entre ambos os sectores para apoiar accións que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.
Convocadas en réxime de concorrencia non competitiva, estas subvencións teñen como destinatarios profesionais autónomos e empresas dedicadas á produción e distribución de espectáculos escénicos e musicais. A través das dúas modalidades habilitadas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asume parte dos custos das xiras de espectáculos galegos por escenarios, feiras e festivais fóra de Galicia, así como a asistencia a mercados sectoriais que se celebren no resto de España ou no estranxeiro. No caso da categoría de artes escénicas apóiase tamén a distribución artística dentro da Comunidade, exceptuando a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Ata 15 000 euros por solicitude
No caso das viaxes fóra de Galicia, cada empresa ou formación artística poderá beneficiarse dunha axuda de ata 15 000 euros a través desta liña de apoio, que poderá solicitarse na sede electrónica da Xunta de Galicia ata ás 9.00 horas do 15 de xullo, ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.
A Xunta convoca anualmente estas subvencións co fin de impulsar a distribución e a comercialización exterior dos produtos culturais galegos, ao tempo que se facilita o acceso dos sectores da música e as artes escénicas galegas ao mercado internacional. O ano pasado cofinanciáronse a través destas axudas os gastos asumidos por máis de 65 empresas culturais no desenvolvemento das súas actuacións, en xiras por Galicia, España e o estranxeiro, así como a súa presenza en feiras no exterior.