Este sábado 24 de febreiro, Producións Teatrais Excéntricas estrea no Fórum Metropolitano da Coruña a súa nova produción: Monstros. Con ela comezan a celebración do seu 20º aniversario como compañía. Monstros é un espectáculo familiar, especialmente recomendado para nenas e nenos de 8 a 14 anos, que fala dos medos dende un punto de vista humorístico e musical.
O texto orixinal e a dramatruxia son de Lucía Aldao e María Lado e a peza está dirixida por Marcos Orsi, cun elenco formado por Patricia Vázquez, Rocío González e Vítor Mosqueira e con música en directo de Piti Sanz.
Monstros é aventura de catro amigas e amigos na procura de emocións na viaxe cara a casa das pantasmas da súa vila: Amanda, a líder, Clo, a racional, Valenvín, o medoso, e Max, o primo de Amanda, un neno con TEA que só se comunica cantando.
Despois da grande estrea deste sábado no Fórum Metropolitano, ás 18.00 horas, nunha función con entradas xa á venda en A Taquilla, farán cinco funcións máis no Fórum Metropolitano para centros de ensino da contorna. Despois, a montaxe viaxará á Sala Artika de Vigo (do 1 ao 6 de marzo con 9 funcións), e despois estará en Boiro (8 de marzo), Lugo (14 de abril) e Rianxo (27 e 29 de abril), como primeiras datas confirmadas.
Sinopse: “No exterior dunha sinistra casa, catro personaxes miran por unha fenda. É unha visión terrible, pavorosa. Intúense seres saídos dos peores pesadelos agochados entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro? Si, iso parece. Pero como é? Monstros é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquilo que consideramos monstruoso e que talvez por iso nos fai sentir terror. Mais faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta. Monstros é o artefacto divertido que nos conta que aprender a convivir cos nosos medos axúdanos a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar as nosas propias monstruosidades”.