As Residencias Paraíso contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa oitava edición, que se desenvolverá ao longo deste 2024 en nove espazos de toda Galicia. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, vén de seleccionar a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2024 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Bea Fernández (artista e responsable de La Poderosa en Barcelona), Bal Castro (artista galego, artista Paraíso 2023), Lola Correa (comisaria independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
O programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22 000 € e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia (cunha dotación económica de entre 1500 e 3000 €, impostos incluídos, cada unha) para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024 no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro de 2024 na Illa de San Simón.
O proxecto Residencias Paraíso, impulsado por RPM, é un programa interinstitucional que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Os proxectos
Neste 2024, o programa ábrese nun novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Vimianzo. Alí, Sergio Marey levará a cabo unha residencia de creación para o seu proxecto Todo o mundo é contra min-eh, para a construción dunha peza performativa a partir do seu propio ensaio de investigación sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega publicado en 2023. Sergio Marey propón “unha reflexión sobre a importancia de mirar ao folclore galego desde unha perspectiva queer, reivindicando a cultura popular como un espazo de liberdade”.
Xa no verán, a primeira das dúas residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG en Santiago de Compostela acollerá o proxecto Do outro lado, dos creadores galegos Fran Rodríguez e Brais Pombo. O proxecto ofrece “unha mirada ecoloxista (a cabalo entre a linguaxe audiovisual e a escénica) para afondar na tensión entre capitalismo, territorio e comunidade, coa revolta veciñal acontecida nos anos 80 na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes, Pontevedra) de fondo”.
A continuación, a bailarina e creadora aragonesa Ana Cotoré será a segunda artista residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto No necesito un nombre para ser mascota. Nesta residencia de creación, Cotoré traballará nos conceptos de domesticación e cansazo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención.
No marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) desenvolverase unha residencia na Igrexa da Madalena co colectivo madrileño Desgarradura –do que forma parte o galego Lucas Ares–, para o seu proxecto The miracle worker. Trátase dun proxecto de creación “no que construír un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro arredor dos conceptos de fogar, familia, recordo e perdón, contrastando o traballo co vídeo en directo en espazos non convencionais”.
A artista galega Noela Covelo e a francesa Élise Moreau (afincadas en Barcelona) serán as artistas residentes do Pazo da Cultura de Pontevedra co seu proxecto En esta sala hay magia. Con este proxecto de investigación que indaga nos mecanismos do xénero da ópera, cunha perspectiva experimental a partir da obra de A frauta máxica, as artistas traballarán paralelamente nos campos sonoro e coreográfico.
Por outra banda, O Vello Cárcere de Lugo será o espazo de residencia da creadora escénica galega Cris Balboa para o seu proxecto Sinte, no que autobiografía e a música electrónica mestúranse nunha viaxe desde a fraxilidade á celebración.
Pola súa banda, O Vello Cárcere de Lugo acollerá a investigación performativa Hydra, do creador uruguaio afincado en Lisboa Lucas Damiani. Hydra é un proceso de investigación “que vai na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación; unha paisaxe líquida de corpos, sons e materias que revelan o desexo e as súas oscilacións co xeo como elemento de estudo”.
O investigador cubano afincado en Madrid José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación mergullarase no seu proceso de creación titulado Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de resistencia no Pazo da Cultura de Carballo. É un proxecto de creación escénica “que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España”.
E, para rematar, as Residencias Paraíso estarán no Pazo da Cultura de Narón con Sobre o extravío ou a arte de perderse, da creadora galega Furia Sotelo, que volve a deixarse dirixir pola dramaturga Ana Vallés nun novo proxecto en formato solo, no que estarán acompañadas pola música Camille Hedouin (Mounqup) e a deseñadora de luz Laura Iturralde.