Xa se coñecen as datas da 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Celebrarase entre o 27 de xuño e o 7 de xullo de 2024, tal e como veñen de anunciar dende a Mostra. Serán once días “nos que todos os recunchos, rúas e prazas da vila morracense se encherán do mellor teatro galego, nacional e internacional”. A programación desvelarase dentro dunhas semanas.
Ademais, a Mostra vén de dar tamén a coñecer o cartel desta edición. Como xa é habitual, é obra dun artista da contorna. Neste caso, a autora é Loreto Blanco Salgueiro, natural de Moaña e canguesa de adopción. A artista, profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten ás súas costas unha longa traxectoria artística como pintora e tamén traballa con diferentes formatos de vídeo e coa fotografía.
O cartel desta Mostra é unha imaxe cargada de cor e optimismo onde os protagonistas son seres, fantásticos e reais, moi diferentes montados sobre pilas vermellas; persoas, extraterrestres e outros personaxes do mundo da imaxinación “viaxando unidos desde o Cosmos á Terra para ver os espectáculos da Mostra”, segundo explica a propia autora.
Loreto Blanco recoñeceu que, cando a organización lle propuxo facer o cartel desta edición, tivo dúbidas; “porque non son cartelista e non me sentía capaz de facelo”, explicou. Porén, contou que asumiu o reto e que foi unha experiencia moi gratificante para ela: “Gustoume moito encaixalo na miña obra, vencellándoo co meu propio mundo creativo”. De feito, a pila vermella flotando no espazo exterior é unha imaxe onírica da artista que xa empezara a plasmar nunha pintura antes incluso de saber que ía facer o cartel. Por iso, decidiu empregar esta figura creada pola súa propia imaxinación durante un soño porque “o absurdo tamén é parte do teatro”.
O cartel ten de fondo unha imaxe da NASA, a nebulosa de Orión, “unha das máis brillantes que existen”, coa que a autora do cartel quixo crear “unha imaxe de seres vivos diversos nunha unidade”.
Esta non é a primeira vez que Loreto Blanco colabora coa Mostra. En 2021, protagonizou a exposición ‘Cantos somos nun eu?’, dentro do programa de ‘Mulleres en Acción’ desa edición.