“Na noite non hai rezo posíbel, todo fica de aquí.
Mais se aínda arde é que hai luz.”
Fran Cortegoso, Nocturno de verán. Versos que inspiraron este espectáculo.
O Centro Dramático Galego cumpre 40 anos. Unha data histórica que a casa do teatro de todes quere celebrar facendo o que mellor sabe facer: teatro. Nunha programación que inclúe, entre outras, o pasado ciclo de Clásicas desfeitas na Cidade da Cultura, a peza dirixida por Fran Núñez Manuela Rey is in da house, a produción de teatro de rúa De Vilatriste a Vilalegre, de Teatro ó Cubo -que levará o teatro do CDG aos espazos rurais-, a volta de Terceiro Acto aos escenarios ou a súa participación no proxecto Phōnē.
É este último un proxecto de colaboración europea para poñer en valor as linguas minorizadas a través do teatro. Unha colaboración na que participan países como Italia, Francia, Noruega, Alemaña ou Romanía, e na que o CDG representa ao noso país e a nosa lingua.
Sen dúbida, un labor que lle compete a un Centro Dramático entre cuxos obxectivos está o de ser tanto un referente como un apoio para a creación dramática galega, en galego.
Temos que lembrar que, hai 40 anos, o galego non era a lingua maioritaria no noso teatro e que a creación do CDG tivo que ver tanto coa necesidade de reforzar a profesionalización do sector escénico como de servir de plataforma para o noso idioma. Algo que se cadra a día de hoxe, e cos números que marcan o grave descenso no número de falantes ou a precarización nos apoios institucionais, sexa máis preciso que nunca.
40 anos despois, the show must go on.
A peza de produción propia -non esquezamos que Manuela Rey é unha coprodución cos teatros nacionais portugueses- para esta tempada e para celebrar este aniversario é Os actos e as profecías, un texto orixinal de Xacio Baño en colaboración con Tamara Canosa, quen firma tamén a dirección, logo daquel Liberto co que percorreu a nosa xeografía, ou as pezas Amantis e Soños, pensadas para público xuvenil e escolar.
Se ben tanto Baño como Canosa son coñecidas especialmente polo seu traballo no audiovisual e na interpretación, nesta ocasión collen o Salón Teatro para reformular a súa disposición, nun espectáculo que coloca ao público no centro, rodeado dun elenco de 20 intérpretes, algo inédito até o de agora nesta sala.
Na peza salientan ademais a parte de celebración que ten esta ocasión, lembrando por exemplo as orixes do que agora chamamos Salón Teatro ou aquel Woyzeck dirixido por Xulio Lago co que estrearon estas táboas no 1984.
Salientan tamén a unicidade que ten cada función, pois nela hai partes improvisadas e que polo tanto fan que cada día a peza sexa única e diferente: un agasallo para es espectadores.
Espectadores escollides, por certo, pois a especial distribución da sala -idea de José Faro “Coti”- para esta ocasión fai que o número de butacas sexa moito máis limitado que de costume, algo que de novo redunda no formato especial que ten esta peza. Esta limitación compénsase cunha programación que inclúe dobres funcións os venres e os sábados, por exemplo, con pases ás 18 e 21 horas, respectivamente.
Tendo en conta que estamos ante un espectáculo de case dúas horas de duración, cómpre darlles dende xa un aplauso a un equipo técnico e a un elenco entregado que fai un verdadeiro esforzo físico e emocional para cumprir con tan esixente programa.
É así porque o deseño da escenificación inclúe un gran traballo nos desprazamentos e nos niveis, unha serie de coreografías e bailes -deseñados por Rut Balbís- que non só teñen que ver co universo no que se ambienta a peza, senón que contribúen a que o seu ritmo sexa máis dinámico e mesmo salientan o dramatismo dalgúns outros momentos.
Un deseño de Tamara Canosa que nos fala do non parar, do motor imparábel que é a ambición e do prezo que supón para o ser humano que está detrás da máscara da artista.
Porque Os actos e as profecías nos mete no mundo dos concursos de talentos ou talent shows como metáfora desa ambición que moitas veces confundimos con arte, cando xeralmente responden máis a cuestións de egos, de almas feridas, como as dúas protagonistas da historia: dúas irmás que de súpeto teñen que competir entre si polo prezado ouro da fama efémera.
Esta ambientación agasállanos cunha serie de personaxes-clixé que todes entendemos rodean o mundo da televisión: os produtores-quenlla que non ven persoas, senón produtos dos que sacar rendibilidade (un traballo no que sobresaen Miguel Canalejo e Raquel Espada); es compañeires-competidores -a cal máis freak– que farían o que for por estar no cumio; a estrela que está de volta de todo (unha Mónica Camaño que lembra un tanto a unha Bette Davis de All About Eve pasada de brillantiñas); a familia (boa) da artista, que apoia e bota en falta ou a familia (mala) da artista, que volve logo de mil anos desaparecida para sacar proveito do momento (unha Ana Santos Maneiro que colleu o personaxe desa nai desprendida para facer marabillas con el).
Salientamos certos momentos dun elenco de 20 artistas que están nun altísimo nivel de esixencia, especialmente na parte física, como xa dixemos, e dos que nos sería imposíbel salientar a todes eles. Vaia dicir que compoñen unha equipa que funciona coma un reloxo, e na que destacariamos a convivencia de intérpretes que teñen traballado co CDG dende os seus comezos como Manuel Cortés con outras que comezan a súa andaina profesional -moitas delas formadas na ESAD de Galicia- como Isolda Comesaña, xunto a outras que están xa máis ou menos establecidas, como Marta Alonso Tejada ou Iván Davila.
Con todo, se cadra sexa a trama o que menos nos interese fronte a todo o aparato que nos propón esta peza. A ambición, o querer chegar ao cumio por riba de todo e de todes, sen importar ao que se teña que renunciar: Popstars, todo por un sueño.
Unha ambición que aparece no deseño do propio proxecto, dende o tamaño da equipa á mudanza de toda unha sala, dende o traballo de alturas ao deseño de luces (mano de Iván Nuñez Casal e José Faro, e que tanto lembra a concursos como Operación Triunfo) ou a propia duración da peza. Este aparato -que fala do tema da peza- fai que por momentos nos esquezamos un pouco do espectáculo fronte a espectacularidade mais, non é xusto niso no que consiste esta cousa da fama?
Se cadra para recuperar a humanidade que está detrás de tanto esforzo, nun momento dado podemos ver ao elenco -e non ás personaxes- na súa loita por acadar os seus soños dicindo, se cadra, aquilo ao que teñen renunciado para poder chegar, ou -se cadra- aquilo que quixesen poder recuperar.
Mais toda elección supón unha renuncia, e o mundo dos soños non é unha excepción.
A cuestión -se cadra-, é que aquilo ao que renuncies pague realmente a pena.