in ,

Carlos Labraña presenta ‘Ícaras’ en Santiago de Compostela

É o texto co que gañou o Premio O Facho de teatro infantil no 2022 e que vén de editar Galaxia

Portada Ícaras escaparate libraría
'Ícaras', no escaparate da Libraría Pedreira. Foto de Carlos Labraña.

A libraría Cronopios, en Santiago de Compostela, acollerá este xoves, 25 de abril, a presentación do libro de Ícaras, o texto teatral co que o dramaturgo Carlos Labraña gañou no ano 2022 o Premio O Facho de teatro infantil, e que vén de ser publicado pola editorial Galaxia.

Será ás 19:00 horas e, acompañando o autor e a ilustradora do libro, Mara Méndez García, estarán tamén o crítico literario Armando Requeixo e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia. Ícaras preséntanos a Lía, unha rapaza que garda un segredo: a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Nun anoitecer, os camiños de Lía e de Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio e que nin sequera ten ás, crúzanse. Entón, descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan, e xorde a pregunta: indo xuntas, serán capaces de voar?

O autor

Carlos Labraña é un dramaturgo galego nado en Cedeira en 1969 e especializado en teatro para nenas e nenos. A súa relación co teatro comezou no Colectivo Garola de teatro infantil, no que participou na escrita de pezas como O segredo de Daniel (1998) ou A Escada (1994), ambas as dúas premiadas na Mostra de Teatro Xeración Nós. Tamén acadou diferentes premios, como o Estornela, o Manuel María e O Facho con pezas que se len e representan de maneira habitual nos colexios. Entre a súa produción tamén podemos atopar O Apalpador (2016), Estrelecer (2019) ou Contra o reloxo (2021, que levou o Premio Martín Sarmiento en 2023)


Publicidade

Xa de maneira individual, escribiu obras para nenas e nenos como Indo para o Samaín ou Os sons da bugina. Gañou en dúas ocasións o premio Estornela por Teatro de Xoguete (2010) e A pequena compaña (2014); O Facho por Espantallo (2013), Moito Morro Corporation , Sociedade Ilimitada (2014, galardoada co Premio de Teatro na Gala do Libro 2017), Estrela… fugaz? (2015, Premio SGAE 2022), e Ícaras (2022); así como os premios Manuel María de literatura dramática infantil por O valo (2016) ou SGAE por Mambrú volveu da guerra (2022). En 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos para levar á escena as súas obras, e na que desenvolve tamén a súa faceta como actor e director.

Carlos Labraña
O dramaturgo galego Carlos Labraña.

A ilustradora

Mara Méndez García é unha ilustradora nada en Vigo en 1995. Dende moi cativa xa andaba rodeada de libros e lapis. Estudou banda deseñada e libro ilustrado na escola O Garaxe Hermético. Ao rematar os estudos comezou a traballar como ilustradora e participou en varios proxectos de banda deseñada cos seus compañeiros da escola: Florencio, A Illa de San Simón, As 9 Cruces… Tamén ilustrou algún traballo para os Estados Unidos como Trim Season. NYCC Ashcan, de Scout Comics, e variantes de portadas para The Shepherd: The Tether. Na editorial Xerais, é autora das ilustracións de Varetai. Protectora de espíritos (2024), e na editorial Galaxia, ademais de Ícaras, ilustrou O violino de Luísa, de Verónica Santalices e a compañía Oviravai, tamén publicado este ano.

Mara Méndez García
A ilustradora galega Mara Méndez García

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Non é unha canción

Non é unha canción

'Moviendo montañas' de Alberto Velasco. 37 Dansa València.

O corpo que roxe en Dansa València