in

Emigrantas

Política de contacto

Emigrantas, imaxe de Henrique Lamas.
Emigrantas, imaxe de Henrique Lamas.

Retornan as Emigrantas aos palcos galegos co gallo da celebración do Día Internacional da Danza, que o Concello de Vigo celebrou enchendo de baile a fin de semana do 26 ao 28 de abril, programando pezas como Qualia, da madrileña LAD Dance Company; 361º da andaluza Proyecto Tránsito, ou as mesmas Emigrantas das que estamos a falar.

Con todo, alguén podería preguntarse por que a danza atopa este case que exclusivo pico de programación en torno a esta data, ou por que non hai máis presenza da enorme cantidade e calidade das compañías de danza galegas.

Estreada en Santiago de Compostela no 2020 e feita en coprodución co Centro Coreográfico Galego, Emigrantas está construída dacabalo entre o contacto e a falta do mesmo.

O contacto na parte da equipa, na que todas elas teñen algunha experiencia coa emigración en si mesma: o corpo de baile, formado por Esther Latorre e David Loira, que tiveron que emigrar de Galicia na procura de prosperidade profesional e formación; a dirección, coa propia biografía da bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta; a investigación para política municipal de Branca Novoneyra, autora dalgúns dos textos que aparecen na peza…

Na peza conviven o contacto e a falta do mesmo todo o tempo: dende a experiencia biográfica das que tiveron que marchar do seu entorno nativo á investigación sobre a diáspora galega, posta agora en presente con esta revisión que propón Emigrantas.

47.105 persoas, entre os 20 e os 39 anos, marcharon de Galicia na década que comprende 2008 e 2018, período no que se fixou a equipa para facer a súa investigación e posterior creación. Unha sangría que a nosa terra coñece ben, pois dende que temos memoria as nosas xentes tiveron que ir marchando dos seus fogares na procura de eidos menos precarios.

Non estamos lonxe da gran diáspora que se produciu nos case cen anos que van dende o 1850 e o 1960, e que principalmente comprendeu motivos económicos e políticos. Entón, de entre o total das 5.311.906 emigradas españolas, nada menos que 2.041.603 eran de Galicia.

As cifras cambiaron, entre outros motivos porque hoxe os motivos tamén mudaron, e se os políticos xa non son de primeira orde, si que son os de procurar melloras na formación ou nas condicións económicas. A día de hoxe, temos 154.984i galegas fóra da súa terra (sen contar as descendentes das mesmas, nacidas xa fóra de Galicia, que elevan a cifra a máis de 530.000).

Estamos a falar dun dos grandes problemas políticos e sociais que ten a nosa terra, e que deixa baleiras as nosas provincias, deixando, por exemplo, que moito do noso mellor talento teña que buscar traballo fóra, xa que as condicións aquí non son competencia.

Un asunto co que todes en Galicia nos podemos relacionar, de primeira ou segunda man, e que a coreógrafa Kirenia Martínez Acosta decidiu afrontar dende a tensión dos corpos postos en movemento, xa que a emigración é precisamente iso: movemento de corpos en tensión.

Esther Latorre, compoñente do Colectivo Glovo e Premio á excelencia na súa formación en danza contemporánea no Conservatorio de danza de Lugo, houbo de percorrer terras como Valencia ou Portugal nos seus primeiros anos de carreira, antes de decidir volver a Galicia.


Publicidade

Pola súa banda, David Loira (becado pola London Contemporary Dance School e Primeiro Premio de Coreografía no XXI Certamen Coreográfico de Madrid), vive actualmente en Berlín, onde compaxina o seu desempeño artístico co traballo de guía turístico na cidade e no campo de concentración de Sachsenhausen.

Ambos percorridos biográficos forman parte e contribúen a que a peza teña un peso dramático moi especial, precisamente porque saben do que están a falar. Vivírono nas súas carnes e agora esas carnes son as que transforman a experiencia en baile para que nós, dende o patio de butacas, poidamos sentir en espello esa mesma vivencia.

A narrativa pasa tamén por intres de contacto e tensión na separación, como a mesma emigración introduce unha tensión entre a persoa que marcha e todo o que deixa atrás: terra, familia, memoria. Así, podemos ver a un dúo de emigrantas cos seus fardos na cabeza, que nos levan á memoria das mulleres que marchan do mesmo xeito por camiños e corredoiras. Movementos que se acompasan para trasladar a forza do común para logo distanciarse e bailar a traxedia do individuo: as fronteiras, as aduanas, as policías migratorias, os interrogatorios, as limitacións de paso, a despersonalización.

As coreografías constrúense a partir dos movementos, dos contactos e das tensións nas distancias, mais tamén a partir dos poemas (de Branca Novoneyra, de Carlos Oroza, de Eduardo Scala) e das cifras, como a translación que se fai dese número de galegas fóra da súa terra nunha década: 47.105 persoas postas en voz, corpo e movemento.

Mentres a política institucional tenta vender o discurso dunha emigración apenas residual ou inexistente, cunha campaña na que a abundancia da nosa terra parece ser abondo para todas, a realidade é máis crúa e as cifras non menten.

Así, Emigrantas é tamén unha peza crúa, espida de artificios audiovisuais ou lumino-técnicos, onde as protagonistas son as persoas e a dificultade de estar sempre en movemento, confundidas cos outros milleiros de emigrantas que se moven polo mundo na procura de mellores circunstancias vitais e coa tensión de dialogar con todo aquilo que ficou atrás.

Logo de dous anos da súa estrea, do tempo pasado e da evolución natural dos corpos, podemos dicir que Emigrantas sigue tendo un dramático sentido actual e queremos ademais louvar que, logo de tanto tempo sen se mover xuntas, esta equipa de profesionais fai que a engrenaxe funcione como se fose onte.

 

iDatos obtidos do informe A emigración en cifras. Estatísticas sobre emigración e a cidadanía galega no exterior. Xunta de Galicia, 2022.

Emigrantas, Kirenia Danza

Dirección: Kirenia Martínez Acosta
En escena: Esther Latorre, David Loira
Texto: Branca Novoneyra
Traducións: Líea Pérez Domínguez
Vestiario: Jandro Villa
Espazo sonoro: Babykatze, Bruno Baw
Produción: Lucila Campos
Deseño gráfico: Niko Alvarellos
Fotografía: Bruno Baw

Unha produción de Kirenia Danza co apoio do Centro Coreográfico Galego e a AGADIC, coa colaboración do ESOMI (Equipo de Sociología de las Migraciones Internacionales) e a SGAE.
Premio V Festival de Pezas dun Teatro do Porvir Galicia + Portugal (2022).

Auditorio do Concello, Vigo. 26 de abril de 2024.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Millo Vello Foto de Afonso Becerra

A Xunta abre a convocatoria para as novas coproducións do Centro Coreográfico Galego

#Precárias Teatro Municipal do Porto, 2024.

PRECÁRIAS II, ou cando o queer tomou o teatro mentres a ultradereita se manifestaba nas rúas