O Centro Dramático Galego avanza na celebración do seu 40º aniversario coa estrea dun novo proxecto escénico: o espectáculo itinerante De Vilatriste a Vilalegre. Esta coprodución con Teatro ó Cubo arranca o seu percorrido esta tarde en Negueira de Muñiz (Lugo) e, entre os meses de maio e setembro, chegará a máis de cen concellos do rural galego.
A montaxe forma parte da aposta por parte do teatro público por descentralizar a súa programación. A peza, que parte do texto orixinal de Roi Vidal Ponte, e que está dirixida por Sofía Espiñeira e Roberto Casal Mouriño, desprazarase dentro da Utópica rodante, un proxecto de teatro sobre rodas que pon en marcha Teatro ó Cubo con esta coprodución, a bordo dun camión que, ademais de facilitar a mobilidade da proxecto, se adapta a todo tipo de espazos, funcionando tamén como escenario para a posta en escena do espectáculo. O elenco está formado por Uxía Algarra e Roberto Casal, con escenografía de Beatriz de Vega, vestiario de Carmen Pichel e música de Brais das Hortas.
Co mundo do cómic como referencia e combinando teatro actoral e de monicreques, a primeira proposta desta iniciativa “confronta a fantasía coa realidade social do rural galego a partir da historia de Vilatriste, onde se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza e confianza pola veciñanza”.
Sinopse
“Nas aforas de Vilatriste hai unha lagoa da que emana unha brétema misteriosa que impregna o aire cunha estraña tristeza. Uns novos moradores descobren que se beben das súas augas adquiren un superpoder que os dota de capacidades extraordinarias. Pero as habitantes de Vilatriste ignoran todos estes efectos. Cando estes forasteiros intentan compartir o seu achado atopan de fronte a desconfianza e rexeitamento dos veciños.
A morte do alcalde vello e a chegada do novo traen consigo toda unha serie de transformacións cunhas escuras intencións. Trepas é o alcume dun xove habitante de Vilatriste enredado inesperadamente nunha singular aventura:
salvar a vila das fauces dun malvado dirixente. Axudado por unha singular superheroína descobren a fórmula para vencer ao seu inimigo pero… funcionará?”.
A xira
O espectáculo percorrerá máis de cen concellos rurais ao longo dos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro. Haberá xornadas en que fagan dúas funcións, unha pola mañá e outra pola tarde, en dous concellos diferentes. Ao longo do mes de maio a peza viaxará ata Monfero, o día 14; Mesía, o día 15; Meaño, o 16; Redondela, o 17, dentro do Festival Internacional de Títeres; Cambados e Ribeira, o 18; A Estrada e A Pobra do Brollón, o 19; Moaña, o 24; Alfoz, o 25; Cervo e Lousame, o 26, e Nigrán, o 31.
En xuño, a Utópica rodante visitará Paderne de Allariz, o día 1; Lubián, o 2; Brión, o 7; Mondariz-Balneario, o 8; Illa de Arousa, o 9; O Páramo, o 10; Carral, o 13; O Valadouro, o 15; Vilamarín (o 16), Becerreá (o 20), Covelo (o 21), Mos (o 22), A Peroxa (o 22), Monterroso (o 23), Oroso (o 26), San Cristovo de Cea (o 27), Mondariz (o 28), A Guarda (o 29) e Cangas (o 30). Un mes despois, en xullo, estarán Toques (o 1), Portas (o 3), O Rosal (o 4), Val do Dubra (o 5), Ribadumia (o 5), Couto Mixto (o 6), A Baña (o 9), Bueu (o 9), O Vicedo (o 10), Cenlle (o 11), Allariz (o 12), Monterrei (o 13), Samos (o 14), Dumbría e Culleredo (o 16), Taboada e Chantada (o 18), Vilamartín de Valdeorras e Pantón (o 20), Cortegada (o 21), Cerdedo-Cotobade (o 22), Moraña (23), Rodeiro (o 24), Celanova (o 25), Laxe (o 26), Crecente (o 27), Betanzos (o 28), A Rúa (o 28) e Curtis (o 30).
Xa en agosto chegarán a Arnoia (o 1), Avión (o 2), Muíños e Beade (o 3), A Pobra de Trives (o 4), A Veiga (o 6), A Merca (o 7), Baleira (o 8), A Fonsagrada (o 9), Castro de Rei (o 10), Quiroga e Lugo (o 11), Rábade (o 12), Ponteceso e Rianxo (o 13), Boiro e Cedeira (o 14), O Irixo (15), Xunqueira de Ambía (o 16), Ribas de Sil (o 17), Castroverde (o 18), A Cañiza (20), Sarria (21), Palas de Rei (22), Rubiá (23), Friol (24), Guntín (o 25), Trazo (o 26), O Grove (o 28), Xove (o 29), Irixoa e Vilarmaior (o 30), O Saviñao e Frades (o 31). Setembro aínda acollerá funcións do espectáculo ata o día 15: en Santa Comba (o día 1), Silleda (o 5), Barro (o 6), Vimianzo (o 7), Oia (o 13), Sober (o 14) e Catoira, o 15, onde rematará a súa viaxe.